Medio Rural
  • Nova
 

Galicia prevé contar con 40.000 hectáreas certificadas de agricultura ecolóxica no 2021

Estes cultivos rexistran un “crecemento imparable” nos últimos anos na nosa comunidade, segundo destacou a conselleira Ángeles Vázquez na presentación da memoria de 2017 do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2018.- Galicia contará no 2021 cunhas 40.000 hectáreas de superficie certificada de agricultura ecolóxica. Esta é a previsión da Consellería do Medio Rural e do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), tal e como se contempla no Plan estratéxico que impulsa a Xunta, en colaboración co sector, para este eido produtivo.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou un investimento total de 4,3 millóns de euros nos próximos anos para fomentar estas prácticas, consonte ás liñas marcadas polas instancias comunitarias, no sentido de impulsar unha agricultura sustentable tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social, que garanta o seu futuro.

A conselleira participou na presentación en rolda de prensa da memoria correspondente a 2017 do Craega, acompañada polo seu presidente, Francisco López, polo seu secretario, Javier García, e pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

A titular de Medio Rural destacou as principais magnitudes deste informe, que –dixo– reflicten un “crecemento imparable” da agricultura ecolóxica na nosa comunidade. Así, en relación co 2016, incrementouse un 42% o volume de ventas certificadas polo Consello Regulador. En valor monetario, son 17,3 millóns de euros máis que no exercicio anterior. Así mesmo, Ángeles Vázquez salientou o aumento, por riba do 15%, da superficie inscrita e a subida de case un 13% do número de operadores, ata superar os mil rexistrados.

Riqueza e emprego

Ángeles Vázquez referiuse á importancia que ten esta evolución positiva do ecolóxico desde o punto de vista de xeración de riqueza e emprego no agro galego e botou a vista atrás, aportando datos que reforzan esta tese. Así, afirmou que no ano 1997, cando iniciou a súa actividade o Craega, apenas había 13 hectáreas en toda Galicia de cultivos ecolóxicos e en dez anos pasouse a 10.000. Na actualidade, destacou a conselleira, “contamos con case 32.000 hectáreas certificadas”.

A titular de Medio Rural sinalou ademais que Galicia destaca no ámbito gandeiro, sendo a primeira comunidade española en explotacións de leite ecolóxico e ocupa o segundo posto en produción de aves de curral para carne, así como tamén a segunda posición no eido apícola.

Todo isto, engadiu, levou á Consellería a poñer en marcha, da man do sector, o devandito Plan estratéxico que ademais de analizar e avaliar a situación actual e as perspectivas de futuro da agricultura ecolóxica na nosa comunidade, deseña as liñas básicas de fomento e promoción desta actividade cara os vindeiros anos.
 


Galería de imaxes


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS