Medio Rural
  • Nova
 

Ángeles Vázquez salienta o papel dos grupos de desenvolvemento rural na dinamización socio-económica do agro galego

A conselleira do Medio Rural visitou varios proxectos que recibiron apoio do GDR número 11 no marco da medida Leader na comarca de Ourense

A Asociación Adercou, que xestiona as axudas nesta zona, apoiou na anualidade de 2017 un total de 17 proxectos, para os que achegou máis de medio millón de euros en axudas

A conselleira do Medio Rural visitou varios proxectos que recibiron apoio do GDR número 11 no marco da medida Leader na comarca de Ourense

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2018.- A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou hoxe varios proxectos que recibiron apoio dentro da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 na comarca de Ourense, xestionados polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) número 11 (Adercou). Na anualidade de 2017, Adercou apoiou 17 proxectos, para os que achegou máis de medio millón de euros en axudas.

Entre estas iniciativas, a titular de Medio Rural coñeceu as melloras introducidas nunha empresa do sector da madeira no concello de Vilamarín, a posta en marcha dunha residencia da terceira idade e un área recreativa en Coles, a creación dun centro social e melloras nunha adega na Peroxa, así como nun obradoiro de pan no municipio de Ramirás.

Con estas axudas, a empresa Maderas Rubén ampliou a súa estratexia cara novas formas de venda mediante tecnoloxía web e aplicou sistemas de xeración de enerxía renovable, en Vilamarín; reformouse unha edificación existente para residencia de persoas maiores, con 22 prazas, en Coles; neste mesmo municipio, en Paradela, dotouse unha zona de lecer con xogos para os cativos e área biosaudable para maiores; rehabilitouse unha casa para o seu uso como casa-centro de emerxencia social para colectivos desfavorecidos na Peroxa; no mesmo concello, introducíronse diferentes melloras nunha adega (zona de lavandería e fitosanitarios) e fixéronse, tamén, melloras tecnolóxicas nunha industria de fabricación de pan e bolería en Ramirás.

Ángeles Vázquez destacou a importancia destes proxectos en particular e de todos os que reciben apoio a través dos GDR para dinamizar o tecido socio-económico rural de Galicia. Salientou ademais que o enfoque Leader concibe estes procesos como unha interacción “de abaixo arriba”, xa que son os propios axentes do territorio os que valoran e seleccionan os proxectos no ámbito local, coa implicación das diferentes administracións públicas. Apóianse, ademais, tanto iniciativas produtivas como non produtivas e, xa que logo, os fondos benefician non só a empresas, senón tamén a entidades de carácter social.

A conselleira anunciou ademais que ao longo deste ano avaliarase a actividade dos diferentes grupos de desenvolvemento rural no que atinxe á tramitación deste tipo de axudas e levarase a cabo unha redistribución de fondos para tratar de atender o maior número de proxectos posible, dando resposta aos que actualmente se atopan en lista de agarda.

Adercou

A Asociación de Desenvolvemento Rural Comarca de Ourense (Adercou) é unha agruación sen ánimo de lucro que aglutina os ámbitos económico, social, cultural, veciñal, ambiental e profesional da comarca de Ourense, co fin de executar o Leader neste territorio. Reúne un total de 17 concellos (incluída a capital provincial), cunha poboación que supera os 150.000 habitantes. No período de programación 2014-2020, esta asociación xestiona arredor de 3 millóns de euros para dinamizar a súa área de influencia.

En total, na provincia ourensá son seis os GDR constituídos a día de hoxe (Valdeorras, Sil-Bibei-Navea, Monteval, A Limia-Arnoia, Carballiño-Ribeiro e Adercou). En conxunto, no bienio 2017-2018 estes grupos apoian un total de 83 proxectos, cunha axuda que suma 5,1 millóns de euros.


Galería de imaxes

A conselleira do Medio Rural visitou varios proxectos que recibiron apoio do GDR número 11 no marco da medida Leader na comarca de OurenseA conselleira do Medio Rural visitou varios proxectos que recibiron apoio do GDR número 11 no marco da medida Leader na comarca de OurenseA conselleira do Medio Rural visitou varios proxectos que recibiron apoio do GDR número 11 no marco da medida Leader na comarca de Ourense

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS