Medio Rural
  • Nova
 

Ángeles Vázquez reafirma o compromiso da Xunta a prol dun equilibrio nas relacións entre os diferentes axentes do lácteo

A conselleira do Medio Rural destacou a contribución de industrias como Nestlé a esta estabilidade no sector, durante unha visita á súa planta de Pontecesures

Lembrou que o apoio do Goberno galego ás empresas agroalimentarias plásmase este ano cunha achega de 29 millóns de euros en axudas para transformación e comercialización dos seus produtos

A conselleira do Medio Rural destacou a contribución de industrias como Nestlé a esta estabilidade no sector, durante unha visita á súa planta de Pontecesures

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2018.- A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe o compromiso da Xunta coa industria agrolimentaria galega en xeral e co sector lácteo en particular, que se pon de manifesto con medidas de fomento como as axudas para transformación e comercialización de produtos agrarios.

Neste sentido, manifestou que só neste 2018 Medio Rural achega máis de 29 millóns de euros para esta finalidade e que unha parte importante destes fondos apoiarán iniciativas vinculadas ao sector lácteo, xa que o número de proxectos deste subsector que solicitaron axuda este ano ascende ata 33, cun investimento previsto que superará os 64 millóns de euros.

A conselleira destacou ademais o compromiso de Nestlé cos gandeiros galegos –traballa con 157 explotacións leiteiras e recolle 110.000 toneladas de leite fresco da nosa comunidade– e a súa seriedade e lealdade nas relacións contractuais con eles. Isto ponse de manifesto, dixo, á hora de abonarlles un prezo xusto e adecuado pola súa produción, nun marco de equilibrio e estabilidade dentro da cadea de valor do leite que promoven os gobernos galego e español.

Ángeles Vázquez insistiu na importancia deste equilibrio entre todos os elos que participan no proceso de produción, procesado e comercialización do leite, dende o gandeiro ata o consumidor, pasando por industrias e distribución e reiterou o compromiso da Xunta para seguir traballando a prol do mantemento destes principios, en beneficio de todas as partes. A conselleira, que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, destacou ademais a aposta de Nestlé por darlle valor engadido ao leite mediante a súa transformación, unha liña de traballo que, dixo, a Xunta apoia como estratexia de futuro para o todo o sector.

Datos da planta de Nestlé

A titular de Medio Rural fixo estas afirmacións na súa visita ás instalacións de Nestlé en Pontecesures, única planta desta compañía na zona de Europa, Oriente Medio e Norte de África dedicada á fabricación de leite condensado. A fábrica conta cunha plantilla media de 170 persoas e prevé producir este ano unhas 47.000 toneladas, incluíndo tanto o leite condensado como evaporado, doce de leite ou cocido de leite. O 60% da súa produción expórtase tanto a diferentes países de Europa como a mercados de Oriente Medio, África Central e o Magreb.


Galería de imaxes

A conselleira do Medio Rural destacou a contribución de industrias como Nestlé a esta estabilidade no sector, durante unha visita á súa planta de PontecesuresA conselleira do Medio Rural destacou a contribución de industrias como Nestlé a esta estabilidade no sector, durante unha visita á súa planta de PontecesuresA conselleira do Medio Rural destacou a contribución de industrias como Nestlé a esta estabilidade no sector, durante unha visita á súa planta de PontecesuresA conselleira do Medio Rural destacou a contribución de industrias como Nestlé a esta estabilidade no sector, durante unha visita á súa planta de PontecesuresA conselleira do Medio Rural destacou a contribución de industrias como Nestlé a esta estabilidade no sector, durante unha visita á súa planta de Pontecesures

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS