Medio Rural
  • Nova
 

Medio Rural achega aos concellos ourensáns información sobre os cambios normativos en materia de xestión da biomasa vexetal e prevención e defensa contra os incendios

A delegada territorial da Xunta participou na presentación da charla informativa cuxo obxectivo foi aclarar as competencias municipais e autonómicas, así como dos particulares, e mellorar a coordinación interadministrativa

Ourense, 15 de maio de 2018.- A Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense convocou aos alcaldes e alcaldesas dos concellos da provincia á celebración dunha charla sobre os cambios normativos introducidos pola Lei 9/2017, de medidas fiscais e administrativas, nas leis 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e 7/2012, de montes de Galicia. A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, abriu a xornada subliñando a importancia do cumprimento da normativa en vigor como un primeiro paso de previr os lumes.

Segundo indicou Díaz Mouteira, “en aras da mellor coordinación posible entre as administracións con competencias na materia, concellos e Administración autonómica, e aproveitando a recente publicación no DOG, o pasado día 7 de maio, da Instrución 1/2018, relativa a esta cuestión” organizouse esta xornada co obxecto de aclarar as posibles dúbidas que se poidan presentar no que se refire ás actuacións administrativas en materia de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal, limpeza das franxas de seguridade e retirada das especies arbóreas. O xefe territorial do Medio Rural, Yago Borrajo, acompañado de técnicos da súa Xefatura, foi o encargado de impartir a charla e clarificar o procedemento a seguir en cada suposto.

Os cambios mais salientables introducidos pola citada Lei 9/2017, e que centraron a exposición, refírense á nova data límite na que debe acometerse a obriga de xestión da biomasa polos responsables correspondentes en cada caso, que será antes de que remate o mes de maio, así como diversos cambios no procedemento para esixir o cumprimento desa xestión, como os referidos aos casos nos que non se poida determinar a identidade do responsable, facilitando a posibilidade de acudir á execución subsidiaria. Isto permitirá, polo tanto, unha actuación máis áxil da administración á hora de manter limpos os montes e núcleos urbanos.

Na normativa vixente tamén se contempla, como novidade, que cando concorran razóns urxentes por grave risco para as persoas e os bens se poderán delimitar zonas de actuación prioritaria para a execución subsidiaria inmediata tanto por parte da Consellería do Medio Rural como dos concellos, así como a creación dun fondo de xestión de biomasa.
 


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS