Medio Rural
  • Nova
 

A Xunta avanza no seu proxecto de mobilización de terras de Sober co que se poñerán a producir 21 hectáreas de terreo

A Consellería do Medio Rural xa rematou a primeira fase de identificación na que se analizaron ata 185 predios

Actualmente estanse mantendo conversas cos propietarios para que arrenden as súas parcelas a gandeiros e agricultores interesados
 

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2018.- A Consellería do Medio Rural segue apostando pola mobilización de terras e da un paso máis no proxecto aberto no concello de Sober e que afectaba unhas 30 hectáreas na parroquia de Proendos. En concreto, rematouse xa a primeira fase de análise que consistía na identificación en campo de todas as parcelas deste perímetro, en total 185.

Nesta fase comprobouse o uso destes predios e clasificáronse entre as terras con vocación agrícola (tanto pasteiros coma terras de labor) e as plantacións forestais. Unha vez descartadas estas últimas, a intervención implicará a 135 parcelas que alcanzan 21 hectáreas de terreo. Para cada unha delas concretouse un plan de actuación no que se contempla o seu estado actual e as operacións propostas.

Así, a día de hoxe éntrase xa nunha segunda fase que consiste no contacto entre as persoas titulares dos predios cos interesados en arrendalas para acordar os termos do acordo. Será baixo a figura de arrendamento pactado que recolle a Lei de mobilidade e que permite un convenio rápido e en condicións de prezo e prazo conformes cos intereses das dúas partes.

Nestes terreos executaranse traballos de dinamización como os labores de limpeza e roza, e de adecuación do chan para as labores de labranza e de produción de pastos, incluíndo o abono. Está previsto tamén reparar a rede viaria principal que comunica as parcelas para facelas máis accesibles.

Este proxecto non é o único que desenvolve a consellería ao longo de Galicia, pero si destaca por dúas características que o fan especialmente interesante. Dunha banda, o feito de que o concello teña desenvolvido un banco de terras propio de carácter municipal e que fai que os veciños xa estean familiarizados con este tipo de acordos e coñezan as vantaxes da xestión de terras a través do arrendamento público. E doutra banda, existen tanto predios susceptibles de poñerse a producir como gandeiros de vacún de leite e agricultores de cereais identificados e interesados en aumentar a base territorial das súas explotacións.

Entre o resto de iniciativas que están en marcha en Galicia hai todo tipo de cultivos en diferentes zonas, como novos soutos no Courel, praderías nos Ancares ou a posta en valor de terreos afectados por lumes en Cualedro ou Oímbra.
 


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS