Medio Rural
  • Nova
 

A Xunta e a Fegamp asinan un convenio pioneiro en Europa para a xestión conxunta da biomasa forestal preto das vivendas

O acordo, no que participan Medio Rural, Seaga e a Administración local, suporá un investimento de máis de 28 millóns de euros e servirá para crear un sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias

Actuarase durante catro anos en 16.000 hectáreas, dando prioridade a aqueles concellos máis afectados polos lumes e a actividade incendiaria

Os propietarios forestais que se comprometan con esta medida, adheríndose a un contrato de xestión, aboarán unha tarifa bonificada de 350 euros por hectárea para o control da biomasa nos seus terreos
 

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, e o xerente de Seaga, Pablo Arbones, na firma do convenio

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2018.- A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, e o xerente de Seaga, Pablo Arbones, asinaron hoxe o convenio que permitirá a creación na nosa comunidade dun sistema público de xestión da biomasa nas chamadas faixas secundarias, é dicir, aquelas próximas aos núcleos de poboación. O acordo prevé un investimento por parte do Goberno galego de máis de 28 millóns de euros ata o 2021, en colaboración coa administración local, que cofinanciará as actuacións previstas.

A titular de Medio Rural destacou neste acto que “non existe precedente a nivel europeo de investimento público de esta magnitude para a xestión de biomasa e a prevención de incendios nas zonas de interface urbano forestal”, polo que se trata dunha iniciativa pioneira neste ámbito en todo o vello continente.

O acordo fará posible a actuación, nun período de catro anos, en arredor de 16.000 hectáreas de faixas secundarias, con especial atención a aqueles concellos máis afectados polos lumes. Os municipios que o soliciten serán seleccionados para adherirse ao sistema a partir dunha serie de criterios obxectivos de prioridade, relacionados co número de lumes rexistrados no seu territorio ou a existencia neles de parroquias de alta actividade incendiaria, entre outros.

Contrato de xestión

Os traballos centraranse nos terreos abandonados e nos de particulares que se adhiran a un contrato de xestión de biomasa coa entidade xestora do devandito sistema público. Os titulares de montes que se comprometan co sistema aboarán unha tarifa bonificada de 350 euros por hectárea para a xestión da biomasa nos seus terreos. Os propietarios beneficiaranse así das vantaxes do sistema, que inclúen a asunción polas administracións públicas dos maiores custes a que poidan dar lugar estes traballos.

Este convenio instrumenta a cooperación entre as administracións autonómica e local, e de estas cos propietarios forestais, nas tarefas de interese público, mediante o fomento da necesaria prevención de incendios por parte das persoas particulares, facilitando que cumpran coa súa obriga de xestión da biomasa dos seus montes.

O acordo regula tamén a colaboración para a execución subsidiaria da xestión da biomasa nos casos nos que os donos dos terreos non cumpran coas súas obrigas legais. Uns deberes que veñen determinados pola normativa, máis concretamente pola lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Esta sinala que “as obrigas establecidas serán cumpridas polos propietarios ou propietarias”, engadindo que “no caso de incumprimento da xestión da biomasa vexetal, corresponderalle ao concello a súa realización, acudindo á execución forzosa (...), sen prexuízo da instrución do correspondente expediente sancionador”.

Realización técnica

A Consellería do Medio Rural porá en marcha un visor web específico de acceso público para facilitar tecnicamente a realización dos labores. Esta ferramenta conterá as faixas secundarias de xestión de biomasa naqueles concellos con plans xerais de ordenación municipal adaptados á Lei de Ordenación Urbanística (LOUG).

Aplicando a intersección das faixas secundarias xeradas cun avanzado sistema de información xeográfica (GIS) e da cartografía catastral dispoñible na sede electrónica do Catastro, coñeceranse as parcelas afectadas en cada caso, coa súa referencia catastral correspondente. E con información vectorial actualizada poderase identificar cada nova actuación sobre o territorio neste eido.

En función das novas adaptacións dos planeamentos municipais e dos plans de prevención aprobados, incorporaranse gradualmente os concellos restantes. Toda esta información presentarase sobre a última foto aérea dispoñible, consultarase a partir dun navegador web e será de acceso público.
 


Galería de imaxes

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, e o xerente de Seaga, Pablo Arbones, na firma do convenioA conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, e o xerente de Seaga, Pablo Arbones, na firma do convenioA conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, e o xerente de Seaga, Pablo Arbones, na firma do convenioA conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, e o xerente de Seaga, Pablo Arbones, na firma do convenio

 

Recursos



© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS