Medio Rural
  • Nova
 

Ángeles Vázquez felicita os promotores dun proxecto de dinamización do monte en Friol a través do porco celta

A conselleira agradeceulles aos comuneiros do monte de Carballo e á Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta o impulso desta iniciativa, que combina a adecuada xestión dos recursos naturais co aproveitamento gandeiro en extensivo

Medio Rural colabora no proxecto cunha achega de 74.000 euros, para un orzamento total que supera os 90.000 euros

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2018.- A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, felicitou hoxe os comuneiros do monte de Carballo (Friol) e a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel) polo seu proxecto de aproveitamento de recursos naturais a través da explotación extensiva deste tipo de gando.

A conselleira destacou que esta iniciativa contribúe a poñer en valor unha carne de gran calidade, como é a do porco celta e a “facer compatible a vida saudable dos animais coa adecuada xestión dunha boa contorna natural e a diversificación das producións forestais”, más alá dos aproveitamentos de madeira. Salientou ademais que o proxecto ten un orzamento que supera os 90.000 euros, cunha achega de Medio Rural de 74.000 euros, a través do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia.

Ángeles Vázquez coñeceu hoxe a iniciativa sobre o terreo, na localidade luguesa de Friol, nunha visita na que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

O proxecto baséase nunhas instalacións modulares, facilmente transportables e de funcionamento autónomo, que aproveitan o uso de enerxías renovables e das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) para a correcta xestión de recursos naturais e lograr así un sistema de explotación con porco celta en réxime extensivo sustentable e economicamente rendible.

A iniciativa contribuirá ademais ao control da biomasa vexetal e da matogueira, fomentando así a prevención dos incendios forestais, así como a impulsar o desenvolvemento rural fixando poboación e mesmo pode chegar a crear un modelo facilmente extrapolable a outras zonas de Galicia.

Neste caso, o sistema proposto de aproveitamento silvopastoril está orientado a incrementar a rendibilidade das explotacións, cun modelo de manexo eficiente para a produción cárnica de calidade ligado a unha zona de orixe e a unha raza porcina autóctona.

Colaboración con Asoporcel

Precisamente, a Consellería do Medio Rural vén colaborando con Asoporcel a través dun convenio plurianual (vixente ata decembro de 2019) e cofinanciado polo Feader, que ten como finalidade a recuperación, conservación e fomento desta raza. O acordo está dotado con 340.000 euros, aos que hai que engadir as axudas que recibe anualmente a devandita asociación dentro da liña de achegas para o fomento das razas autóctonas en perigo de extinción, e polas que neste 2018 lles corresponden 20.000 euros a maiores. Pola súa banda, o monte veciñal en man común de Carballo está xestionado por un total de 48 comuneiros e abrangue máis de 700 hectáreas forestais.


Galería de imaxes


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS