Medio Rural
  • Nova
 

Medio Rural comprométese a rematar administrativamente este ano as parcelarias de Niñodaguia e Novela, en Santiso

Así llo trasladou a conselleira ao rexedor municipal nunha reunión mantida hoxe en San Caetano

A zona de Niñodaguia-Serantes afecta unha superficie de 479 hectáreas, propiedade de 364 veciños; mentres que a de Novela-Liñares-Pezobrés comprende 845 hectáreas de 370 propietarios
 

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá en San Caetano co alcalde de Santiso, Manuel Adán

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2018.- A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá en San Caetano co alcalde de Santiso, Manuel Adán, para analizar a situación actual das reestruturacións parcelarias neste municipio coruñés. Así, a conselleira comprometeuse a que os dous procesos abertos a día de hoxe estarán rematados administrativamente antes de que remate o ano.

Ángeles Vázquez sinalou que o seu departamento está realizando un gran esforzo económico ao tratar de rematar administrativamente os 112 procesos vivos que hai en Galicia, lembrando que dende o ano 2016 se investiron máis de 64 millóns de euros neste obxectivo. No caso concreto de Santiso, a consellería destinou máis de 2,1 millóns de euros na reestruturación das zonas de Niñodaguia-Serantes e de Novela-Liñares-Pezobrés.

En ambos os dous procesos, os veciños puideron tomar posesión das novas parcelas pero está pendente rematar a comprobación de superficies gráficas e alfanuméricas para así cumprir coa modificación da lei hipotecaria, co fin de proceder á firmeza do acordo e darse así por rematada administrativamente a reestruturación.

Máis de 1.300 hectáreas reorganizadas

A reestruturación parcelaria de Niñodaguia-Serantes afecta unha superficie de 479 hectáreas, propiedade de 364 veciños. Pasouse de 1.997 parcelas a 630 predios actuais, incrementando así a base territorial da xente desta zona, pois os terreos aumentaron de media un 200% de superficie. Trátase dunha zona dedicada, principalmente, a labradío pero tamén ten unha parte forestal. Neste proceso lévanse investidos 792.873 euros.

No tocante á zona de Novela-Liñares-Pezobrés, esta comprende unha reorganización de 845 hectáreas de 370 propietarios. As parcelas tamén incrementaron a súa superficie, pasando dun total de 3.087 predios a 910. A inversión realizada nesta zona ascende a máis de 1.348.000 euros, a maior parte dedicada á rede de camiños principais.

Prevención de incendios

Noutra orde de cousas, o alcalde aproveitou o encontro para solicitar á Consellería do Medio Rural un tractor para levar cabo as limpezas e rozas municipais. Ángeles Vázquez sinalou ao respecto que se estudiará, como todas as peticións, a dispoñibilidade orzamentaria. O obxectivo é chegar este ano aos 70 concellos galegos aos que se lles facilitou esta maquinaria, ben a través de achegas económicas para a súa compra ou autorizando o seu uso.

 


Galería de imaxes

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá en San Caetano co alcalde de Santiso, Manuel AdánA conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá en San Caetano co alcalde de Santiso, Manuel Adán

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS