Medio Rural
  • Nova
 

A Xunta destina preto de 2 millóns de euros en axudas para revitalizar as explotacións do Concello de Lugo mediante plans de mellora e incorporación de mozos e mozas

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou a explotación de gando vacún para leite ‘Casa Xacobe’, en Belesar, beneficiaria desta liña de axudas coas que se facilitou o relevo xeracional e novos investimentos para incrementar a produción

Os beneficiarios destas axudas terán ata o 15 de outubro para presentar a licenza de obra e outra documentación adicional tras a ampliación nun mes do prazo límite marcado na orde inicial
 

As explotacións agrogandeiras emprazadas no termo municipal de Lugo beneficiáronse de preto de 2 millóns de euros en axudas da Consellería do Medio Rural

Lugo, 13 de setembro de 2018.- As explotacións agrogandeiras emprazadas no termo municipal de Lugo beneficiáronse de preto de 2 millóns de euros en axudas da Consellería do Medio Rural para investimentos en plans de mellora, incorporación de mozos e mozas e pequenas explotacións. Contando tamén as achegas para os novos investimentos realizadas polos titulares das explotacións, esta liña de axudas supón unha mobilización global no agro local lucense de 4,3 millóns de euros.

Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante a visita a unha explotación de gando vacún para leite, que resultou beneficiaria desta liña de apoios.

Casa Xacobe SC emprazada en Belesar, parroquia de San Xoán do Campo, trátase dunha explotación de tipo asociativo formada por dous socios e que conta a maiores cun empregado. Recentemente produciuse un relevo xeracional pois o novo titular mozo substituíu ao seu pai. As achegas teñen por obxecto apoiar esa nova incorporación e os investimentos precisos para aumentar a produción ata o millón de litros de leite.

Datos globais

No conxunto do termo municipal a Xunta apoiou 18 plans de mellora, con axudas destinadas a financiar distintos investimentos materiais e inmateriais. Así por exemplo se subvenciona a compra de nova maquinaria, gastos para a elaboración de proxectos técnicos de construción ou reforma das explotacións compra de novos terreos e adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos, entre outros.

Ademais, nesta orde tamén se apoia economicamente a incorporación de mozos ás actividades agrarias e gandeiras, co fin de fomentar o relevo xeracional nas explotacións. Así aconteceu con 13 novos gandeiros con explotacións emprazadas no concello de Lugo.

Finalmente, a terceira das liñas incluídas nesta orde de axudas, é a relativa aos apoios á creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións. No termo municipal lucense foron dúas as subvencións concedidas

“O rural galego aposta polo relevo xeracional, con novos gandeiros mozos, e tamén por seguir ampliando a súa actividade e rendemento”-dixo Balseiro

Ampliación de prazo

Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se amplía o prazo de presentación da licenza municipal de obra e dos diferentes permisos administrativos correspondentes coas axudas de plans de mellora, incorporación de mozos e pequenas explotacións. Agora, os beneficiarios terán ata o 15 de outubro para presentar esta documentación.

Ante as peticións de diferentes organismos para prolongar o dito período co fin de poder emitir os preceptivos permisos, o departamento de Medio Rural decidiu ampliar unha ano máis o prazo para facilitar a tramitación a gandeiros e agricultores beneficiarios destas subvencións e evitar así que perdan as achegas.
 


Galería de imaxes

As explotacións agrogandeiras emprazadas no termo municipal de Lugo beneficiáronse de preto de 2 millóns de euros en axudas da Consellería do Medio Rural As explotacións agrogandeiras emprazadas no termo municipal de Lugo beneficiáronse de preto de 2 millóns de euros en axudas da Consellería do Medio Rural As explotacións agrogandeiras emprazadas no termo municipal de Lugo beneficiáronse de preto de 2 millóns de euros en axudas da Consellería do Medio Rural

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS