Medio Rural
  • Nova
 

A Xunta impulsa a creación ou modernización de catro empresas en Monterroso con achegas que suman 333.000 euros

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que a porcentaxe media das axudas ronda o 40 por cento do investimento subvencionable

A Consellería do Medio Rural impulsa a creación ou modernización de catro empresas no municipio de Monterroso

Monterroso (Lugo), 10 de outubro de 2018.- A Consellería do Medio Rural impulsa a creación ou modernización de catro empresas no municipio de Monterroso, con achegas que suman 333.000 euros xestionadas a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras do Miño-Ulla.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe dúas das empresas beneficiarias situadas no polígono industrial, un taller mecánico de nova creación e un centro de limpeza de desinfección de vehículos para transporte alimentario. Neste caso, trátase da ampliación de actividade dunha empresa consolidada no municipio cuxa actividade principal consiste na recollida de leite.

As axudas tamén financiaron un proxecto de mellora da eficiencia enerxética nunha granxa de leite e a adquisición de equipamento (hardware e software) para una tenda virtual de cosmética natural.

Balseiro subliñou que, en conxunto, a Xunta achega arredor do 40 por cento do investimento subvencionable declarado polos promotores, que ascende a 862.000 euros. “Os investimentos produtivos do GDR -afirmou- logran a diversificación da economía local e a creación de postos de traballo grazas á colaboración entre a Administración e a iniciativa privada”.

Ao mesmo tempo, os GDR subvencionan investimentos non produtivos para iniciativas que dinamizan o entorno dende o punto de vista cultural e social. Neste sentido, a Feira do Queixo recibe unha axuda de 1.300 euros.

Iniciativas

José Manuel Balseiro tivo oportunidade de visitar as novas iniciativas situadas no polígono de Monterroso da man dos seus promotores. Ambos recibiron a axuda máxima establecida polo GDR para os investimentos produtivos, o 50% do orzamento ata un tope de 200.000 euros por proxecto.

No caso do centro de limpeza, a achega serviu para a construción das instalacións e a dotación da totalidade da maquinaria precisa. O promotor, Cantalete SLU, consolida 28 empregos e crea catro máis.

A actividade principal da empresa consiste na recollida de leite, transportándoa das granxas ás industrias, e conta cunha flota de 28 vehículos. Con esta ampliación, a partir deste mes dótase dun servizo de limpeza e desinfección para os seus propios camións e para ofertar a terceiros. É o primeiro centro da provincia q ofrece este servizo homologado segundo a normativa europea. O investimento supera os 591.000 euros, e recibe unha axuda pola contía máxima de 200.000 euros.

A outra iniciativa, Talleres Gómez Fontao, construíu unha nova nave no polígono, con planta baixa e entreplanta, e adquiriu o equipamento necesario para desenvolver a actividade. O promotor leva anos adicado laboralmente á mécanica e presenta ademais ampla formación cursada sobre o tema.

O taller leva xa catro meses de actividade e creou catro postos de traballo. Supuxo un investimento de case 227.000 euros e recibiu a porcentaxe máxima do 50 por cento fixada para as achegas.


Galería de imaxes

A Consellería do Medio Rural impulsa a creación ou modernización de catro empresas no municipio de MonterrosoA Consellería do Medio Rural impulsa a creación ou modernización de catro empresas no municipio de MonterrosoA Consellería do Medio Rural impulsa a creación ou modernización de catro empresas no municipio de Monterroso

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS