Medio Rural
  • Nova
 

A Xunta potencia a súa rede territorial para reforzar a coordinación e o apoio a agricultores, gandeiros e silvicultores

O conselleiro José González reuniuse esta tarde con todos os delegados territoriais da Xunta para avanzar nesta materia

A consellería conta cunha completa estrutura diseminada por toda a xeografía galega, na que se integran 70 oficinas agrarias comarcais, 19 distritos e 24 Grupos de Desenvolvemento Rural
 

O conselleiro José González reuniuse esta tarde con todos os delegados territoriais da Xunta para avanzar nesta materia

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2018.- O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse esta tarde con todos os delegados territoriais da Xunta para avanzar na coordinación das diferentes políticas e accións a desenvolver no territorio galego en materia agroalimentaria e forestal. Nesta xuntanza reforzouse o traballo que se leva a cabo dende os diferentes departamentos co obxectivo de ter cuberta toda a xeografía galega.

Así, fíxose balance do labor desenvolvido ata o de agora e planificouse ao mesmo tempo o traballo cara o futuro das 70 oficinas agrarias comarcais, nas que desempeñan diferentes funcións máis de 500 profesionais, constituíndo unha completa rede de apoio ao tecido social do agro galego. “Son eles os expertos máis próximos aos agricultores e gandeiros”, sinalou o conselleiro, polo que destacou a importancia do seu traballo sobre o territorio de cara a axudar aos profesionais no que sexa preciso.

Dentro desta distribución territorial, no ámbito forestal a nosa comunidade divídese en 19 distritos, que funcionan como interlocutores directos dos silvicultores e, en xeral de todo o sector. A eles cómpre sumar, no eido do crecemento económico e social dos ámbitos rurais, os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), que se encargan de dinamizar o agro galego dende as propias zonas nas que se asentan.

A reunión desta tarde serviu, en definitiva, para reforzar a coordinación e entendemento entre todos estes departamentos para aplicar no territorio as políticas que se deseñan dende a consellería da que José González é titular, co fin de impulsar o agro, mellorar a calidade de vida dos veciños e garantir o futuro do rural galego.
 


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS