Medio Rural
  • Nova
 

A Xunta investiu 172.000 euros na mellora de cortalumes e pistas dunha trintena de montes de Begonte, Guitiriz, Pol e Vilalba

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, destacou “a aposta do Goberno galego por poñer en valor o monte, preservando a súa riqueza medioambiental e económica”

Lugo, 19 de novembro de 2018.- A Consellería do Medio Rural investiu 172.000 euros na execución de obras de mellora de cortalumes e pistas nunha trintena de montes de Begonte, Guitiriz, Pol e Vilalba. Trátase en todos os casos de montes de titularidade privada, na súa maioría en man común, que teñen subscrito un acordo de xestión coa Xunta.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se levaron a cabo tarefas de apertura ou mellora de devasas, eliminando o mato existente, así como de explanación e mantemento do firme das pistas e limpeza das gabias. Neste sentido, abríronse as cunetas dos treitos afectados -en toda a súa lonxitude- para non deixar materiais que entorpeceran o paso da auga, e construíronse drenaxes transversais canalizando mediante tubaxes o paso da auga para facilitar o saneamento e conservación do firme.

O 71,5 por cento do orzamento correspondeu a actuacións nos montes de Guitiriz, en concreto das comunidades de Mariz, As Negradas, Os Vilares, Pedrafita, Pígara, Roca, San Breixo, San Salvador e Santa Leocadia.

En Pol (16 por cento do investimento) actuouse en montes das comunidades de Carazo, Orán, Susá, Lúa, Milleirós, Rioxoán, Ribón, Baille e parcialmente nos montes de Serra e Picato.

En Begonte (9 por cento) melloráronse montes das comunidades de Baamonde, Barrazoso e Fontefría, e Carballosa e Monterredondo, entre outros. E por último en Vilalba (3,5 por cento) víronse beneficiados montes das comunidades de Penarredonda e Soaxe.

Estes traballos forman parte dun plan de obras polo que nos últimos meses se executaron traballos de mellora das infraestruturas forestais en 23 concellos da provincia, por importe de 721.000 euros.

Balseiro destacou “o apoio do Goberno galego” aos titulares dos montes, e en especial “a estreita colaboración” coas comunidades, moi estendidas na nosa provincia debido ao gran número de montes en man común que existen. Así, lembrou que Medio Rural convoca axudas para facilitar aos donos a realización de tarefas de prevención e de coidado da masa forestal. Contempla a realización de tratamentos silvícolas preventivos de incendios forestais, tales como rareos, rozas e podas.

 
Balseiro afirmou que estas iniciativas revelan “a aposta do Goberno galego por poñer en valor o monte, preservando a súa riqueza medioambiental e económica”. Engadiu que a Consellería do Medio Rural persegue a ordenación dos bosques e a dotación de infraestruturas axeitadas que permitan reducir o risco e os danos por incendios, impulsando explotacións forestais viables que se consoliden como alternativa de renda á agricultura.
 


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS