Medio Rural
  • Nova
 

A Xunta reafirma o seu apoio á denominación de orixe Ribeiro a través da colaboración cos viticultores e adegueiros da zona

A conselleira do Medio Rural visitou hoxe as instalacións da adega Pousadoiro no concello ourensán de Castrelo de Miño e da cooperativa Viña Costeira en Ribadavia

A Xunta vén de ceder parte do inmoble da Oficina Agraria Comarcal de Ribadavia ao consello regulador do Ribeiro, a petición deste organismo, co fin de que serva como sede desta entidade
 

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, visitou hoxe as instalacións da adega Pousadoiro

Santiago, 15 de febreiro de 2017.- A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, visitou hoxe as instalacións da adega Pousadoiro, situada no concello ourensán de Castrelo de Miño e pertencente á denominación de orixe Ribeiro. A conselleira coñeceu tamén a cooperativa Viña Costeira, en Ribadavia. Na visita estivo tamén presente o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Felicísimo Pereira.

Nesta adega, a conselleira destacou o esforzo e compromiso da Xunta a prol do sector vitivinícola galego, que se plasma tanto a través de axudas para o fomento desta actividade e cara a súa promoción e internacionalización como con medidas destinadas a favorecer a transformación e comercialización da súa produción. Así, Ángeles Vázquez lembrou que a Xunta destina na convocatoria de 2017 un total de 27,4 millóns de euros en achegas para apoiar a transformación dos produtos agroalimentarios galegos en xeral, que se resolverá en breve, e os viños en particular, xa que destas achegas poden beneficiarse tamén as adegas. Estes fondos farán posible un investimento inducido no agro galego duns 128 millóns de euros.

O Ribeiro

A conselleira sinalou que no sector vitivinícola galego o Ribeiro ocupa un lugar destacado, sendo ademais unha das zonas que maior traxectoria histórica atesoura. Por isto, a Xunta vén colaborando co consello regulador tanto no fomento da produción como en materia de promoción e control do viño certificado.

Nesta liña de cooperación, a Consellería ven de ceder parte do inmoble da Oficina Agraria Comarcal de Ribadavia ao consello regulador, co fin de que serva como sede desta entidade. A conselleira formalizou hoxe esta cesión, coa sinatura do correspondente documento oficial. Son en total algo máis de 700 metros cadrados nas plantas segunda e baixo cuberta deste edificio, situado en pleno centro da capital do Ribeiro.

Ángeles Vázquez sinalou que esta cesión faise para atender unha demanda do Consello Regulador, desde o que tamén se trasladou a necesidade de fomentar a mobilidade de terras e de xestionar adecuadamente o minifundismo que caracteriza o viñedo galego. Así mesmo, os viticultores e adegueiros solicitaron á conselleira que se reforcen as accións de promoción dos viños do Ribeiro –e dos galegos en xeral– nos diferentes mercados. A titular de Medio Rural comprometeuse a atender estas demandas e, de feito, advertiu que xa se está traballando nestas liñas.

Neste contexto, Ángeles Vázquez referiuse en especial ao pulo acadado nos últimos anos polos viños do Ribeiro, zona na que se producen anualmente máis de 14 millóns de quilos de uva, cun valor económico estimado de 25,2 millóns de euros. Son, en total, máis de 2.600 hectáreas de superficie inscrita, 5.800 viticultores e 107 industrias as que agrupa a denominación de orixe (D.O).

Adega Pousadoiro e cooperativa Viña Costeira

A adega Pousadoiro produce actualmente uns 12.000 litros de viño ao ano e ten como obxectivo chegar aos 20.000 nun prazo breve. As súas marcas comerciais son Pousadoiro, Doña Gota e Norte y Sur. As variedades de uva que manexan son principalmente Treixadura e Godello. Tamén algo de Torrontés, Albariño e Loureira. Están empezando con Caíño Longo (variedade tinta). Ademais de producir viño –vende aproximadamente a metade da produción no mercado galego, un 30% vaise para o mercado nacional e o 20% restante para a exportación–, esta adega organiza tamén visitas guiadas para dar a coñecer as súas instalacións.

Neste percorrido polo Ribeiro a conselleira visitou tamén a cooperativa Viña Costeira, onde se interesou pola súa actividade e a súa condición de referente nesta denominación de orixe, xa que factura anualmente arredor de 9 millóns de euros e ten unha capacidade de produción de 5,5 millóns de quilos de uva, empregando a tempo completo a 39 traballadores.
 


Galería de imaxes

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, visitou hoxe as instalacións da adega PousadoiroA conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, visitou hoxe as instalacións da adega Pousadoiro
 



© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS