Medio Rural
  • Nova
 

Medio Rural prevé inocular ao longo deste ano uns 26.000 castiñeiros para loitar contra o cancro e conservar os soutos

O director xeral de Ordenación Forestal compareceu hoxe na Comisión 7ª onde explicou que dende que se puxeron en marcha estas accións no ano 2011 se levan tratados preto de 70.000 castiñeiros

Tomás Fernández-Couto tamén avanzou que se está a traballar para renovar os equipos informáticos e os vehículos do centro de formación e experimentación agroforestal de Lourizán
 

O director xeral de Ordenación Forestal compareceu hoxe na Comisión 7ª

Santiago, 16 de febreiro de 2017.- A Consellería do Medio Rural prevé inocular ao longo deste ano 2017 uns 26.000 castiñeiros con cepas hipovirulentas para facer fronte ao cancro do castiñeiro e así preservar os soutos da xeografía galega. Así o destacou esta tarde no Parlamento o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, que sinalou que os resultados acadados ata o de agora eran moi satisfactorios.

O director xeral explicou que dende que se puxo en marcha este tratamento no ano 2011 en colaboración coa Deputación de Pontevedra -a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro- pasouse de ter 93 solicitudes por parte de particulares a máis de 1.500 no ano 2016, onde se trataron 16.037 castiñeiros. Segundo comentou Fernández-Couto, no que vai de ano recibíronse máis de 700 solicitudes e tratáronse preto de 3.300 castiñeiros, que sumados aos que se levan inoculado dende 2011 fai un total de preto de 70.000 árbores.

Estes traballos de inoculación, explicou, xurdiron no ano 2003 cun primeiro estudo profundo da natureza e distribución deste fungo na nosa comunidade autónoma, co obxecto de atopar as cepas hipovirulentas que permitisen controlar e diminuír esta enfermidade ao estar en contacto coas cepas daniñas. Logo de desenvolver os inóculos hipovirulentos, procedeuse a levar a cabo estes tratamentos en parcelas experimentais e vistos os resultados positivos acadados comezouse a traballar fóra destas parcelas no 2011 para así sanear os soutos públicos e privados.

Tomás Fernández-Couto sinalou que estes traballos realízanse fóra do período de altas temperaturas e baixa humidade, polo que se dividen en dúas tandas. Por unha parte, do 1 de febreiro ao 15 de xullo (aproximadamente) e logo do 15 de setembro ao 15 de decembro. Uns períodos, remarcou, que dependen das condicións meteorolóxicas e que, polo tanto, se poden ver alargados ou reducidos.

O director xeral avanzou tamén que a Consellería do Medio Rural está levando a cabo varias liñas de traballo no Centro de Investigación Forestal de Lourizán para reforzar as variedades de castiñeiro e facelas máis resistentes e tolerantes a certos factores bióticos (pragas ou enfermidades). Así, avanzou que neste ano desenvolveranse os ensaios de inoculación con cepas virulentas do cancro en portaenxertos e clons para madeira; mentres que no ano 2018 se incorporarán os ensaios ás variedades tradicionais enxertadas de produción de castaña.

Centro de Lourizán

Preguntado sobre as demandas do alumnado do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, o director xeral anunciou que xa se solventou a cobertura do persoal administrativo e se está a traballar para renovar os equipos informáticos e os vehículos do centro. Porén, matizou que no caso da cobertura de persoal docente o proceso ábrese inmediatamente pero lembrou que é un trámite máis lento que o que se leva a cabo na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Concurso de helicópteros

Sobre o actual proceso de contratación do servizo integral de helicópteros e brigadas para a prevención e defensa contra os incendios forestais para os anos 2017 e 2018, o director xeral explicou que se elixiu a contratación deste tipo de aeronaves polo aforro económico que supón e pola súa versatilidade, xa que debido á inmediatez de actuación os helicópteros son moi efectivos. Así mesmo, matizou que a brigada contrátase como unha parte máis da aeronave, o cal permite optimizar os recursos ao despregarse ao mesmo tempo os helicópteros e todos os integrantes do equipo.
 


Galería de imaxes

O director xeral de Ordenación Forestal compareceu hoxe na Comisión 7ªO director xeral de Ordenación Forestal compareceu hoxe na Comisión 7ª
 



© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS