Medio Rural
  • Nova
 

Galicia contará cun grupo de traballo propio para acordar cos sectores implicados a posición da nosa comunidade ante o Plan estratéxico de España para a PAC 2020

Esta proposta será a que despois se traslade ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de cara a consensuar unha única postura estatal na que se recollan as especificidades de Galicia

José González destacou que a sesión de hoxe foi “moi produtiva” porque xa se comezaron a abordar as demandas dos nosos gandeiros e agricultores
 

O conselleiro do Medio Rural participou hoxe no consello consultivo de política agrícola para asuntos comunitarios que se celebrou en Madrid

Madrid, 21 de xaneiro de 2019.- O conselleiro do Medio Rural, José González, sinalou hoxe que a postura que Galicia presentará ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sobre a Política Agraria Común 2020 será acordada previamente cos sectores implicados na mesa de traballo multidisciplinar creada para concretar as achegas de Galicia ao plan estratéxico español. Deste xeito, explicou o conselleiro, preténdese conseguir unha proposta na que todos os implicados se sintan representados e na que se especifiquen as peculiaridades do noso territorio.

Precisamente este plan estratéxico nacional comezou a elaborarse hoxe no consello consultivo de política agrícola celebrado en Madrid. O propio conselleiro José González tildou a sesión de “moi produtiva” xa que se celebrou un debate “moi rico” no que se trataron aspectos moi relevantes da futura PAC e para os intereses propios de Galicia.

Así, abordouse, por exemplo, a definición do agricultor xenuíno, os dereitos de pago individuais e as limitacións de axudas por explotación, que Galicia quere situar en 60.000 euros. Ademais, estudiouse tamén a posibilidade de implantar o pago redistributivo de forma que o importe das primeiras hectáreas sexa superior ao do resto, para garantir ese apoio ás pequenas e medianas explotacións, propias de Galicia, e que precisamente son as máis respectuosas co medio ambiente e xeradoras de máis emprego. Do mesmo xeito, apelouse á defensa daquelas explotacións situadas en zonas con limitacións naturais e de montaña

O conselleiro sinalou á saída do encontro que, en definitiva, o que defendemos é o decálogo previo pactado co sector en defensa dos agricultores e gandeiros. Precisamente por iso, a consellería creará este grupo de traballo galego que, en paralelo ao do ministerio, reunirá esforzos de todos os entes implicados para así defender mellor os intereses dos agricultores e gandeiros galegos. “Nel invitamos a todos os sectores implicados a chegar a acordos para que a nosa posición vaia consensuada”, sinalou José González.

Por todo iso, o Goberno galego defende que o plan estratéxico nacional debe contemplar as particularidades de cada comunidade. O conselleiro sinalou que se trata de buscar un equilibrio entre unha PAC común a nivel da Unión Europea e o recoñecemento das especificidades de cada lugar.

Ao fío disto, o titular de Medio Rural explicou que precisamente é agora cando o debate no seo do Estado se eleva ao seu máximo nivel e cando os gobernos autonómicos poden manter un intercambio político co ministerio, de tal xeito que o Goberno central poida recoller as demandas e orientar a súa planificación estratéxica. Así, o conselleiro sinalou que o propio ministerio entende que a PAC 2020 debe ser o resultado dunha análise previa das necesidades da agricultura, da gandaría, da silvicultura e do medio rural en xeral e que o seu resultado definirá todos os elementos necesarios para a aplicación da Política Agraria Común.

Neste senso, José González trasladou que a Xunta coincide co ministerio en que a planificación estratéxica debe ser un proceso aberto, participativo e transparente no que as comunidades autónomas teñan un papel esencial, especialmente á hora de definir en cada territorio as intervencións do segundo piar, o relativo ao desenvolvemento rural. Por iso, a elaboración deste programa de actuación implicará a cooperación e coordinación entre as administracións, dixo o conselleiro.
 


Galería de imaxes

O conselleiro do Medio Rural participou hoxe no consello consultivo de política agrícola para asuntos comunitarios que se celebrou en MadridO conselleiro do Medio Rural participou hoxe no consello consultivo de política agrícola para asuntos comunitarios que se celebrou en Madrid

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS