Medio Rural
  • Nova
 

Medio Rural convoca as axudas para a prevención dos danos causados por incendios, desastres naturais e catástrofes por 4,5 millóns de euros

Os beneficiarios serán os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e mancomunidades e as Sociedades de Fomento Forestal

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes a contar dende mañá e terán que realizarse vía electrónica
 

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2019.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor). O orzamento desta convocatoria ascende a 4,5 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Estas achegas contribúen a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción dos montes e, en conxunto, sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia. Con este obxecto establécense dúas liñas de subvencións: unha para o control selectivo de combustible e outra para a construción de puntos de auga.

A primeira liña engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa da ocorrencia de incendios forestais e da súa propagación. Así, as actuacións subvencionables nesta liña consistirán no control selectivo do combustible en áreas de devasas, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural así como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais, coa finalidade de reducir a carga de combustible presente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a diminuír o risco de propagación do lume.

Poden beneficiarse destas axudas os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e mancomunidades e as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor). O prazo de presentación de solicitudes é dun mes a contar dende mañá e terán que realizarse vía electrónica.


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS