Medio Rural
  • Nova
 

Galicia contará cun Plan estratéxico e de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe do viño

A Consellería do Medio Rural levará a cabo unha análise socioeconómica das comarcas implicadas analizando as súas infraestruturas, servizos públicos e a súa estrutura e dinámica demográfica, así como o tecido asociativo e empresarial

Pola súa banda, Cultura e Turismo salienta a importancia de futura estratexia ‘Galicia Sabe’ que potenciará o turismo enogastronómico en todo o territorio

Búscase crear unha estratexia común e coordinada para un sector que en Galicia reúne a 9.000 produtores e 400 bodegas

Galicia contará cun Plan estratéxico e de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe do viño

Madrid, 23 de xaneiro de 2019.- A Xunta elaborará un Plan estratéxico e de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe do viño de Galicia co obxectivo de mellorar o posicionamento dos nosos caldos e das comarcas que representan. Así o anunciaron os conselleiros de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e do Medio Rural, José González, na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid.

Durante unha presentación ante o sector vitivinícola e os representantes das denominacións de orixe galegas, os representantes do Goberno galego explicaron que este plan, denominado Paseando entre viñedos: Enoturismo en Galicia. Senda estratéxica das comarcas vitivinícolas galegas, contará coa participación de todos os axentes clave do territorio e que pretende mellorar a coordinación público-privada para fomentar o desenvolvemento territorial a partir do sector vitivinícola.

Nesta liña, José González explicou que como primeiro paso farase un estudo e posterior diagnóstico socioeconómico dos territorios implicados, analizando as súas infraestruturas, os servizos públicos e a súa situación demográfica, así como o tecido asociativo e empresarial. A este traballo, engadiu, sumaranse as tendencias de consumo e do mercado vinícola a nivel español e internacional. Así, no ámbito turístico, o plan analizará o sector recollendo aquelas instalacións, servizos e atractivos turísticos presentes nestas comarcas. De feito, a Xunta quere reforzar as vinculacións das denominacións de orixe dos viños cos lugares nos que están asentadas para fortalecer así o seu vínculo co patrimonio natural e cultural.

Unha vez se teña o diagnóstico da situación, o obxectivo deste novo plan galego é establecer os eixos para guiar o futuro do ámbito territorial de cada denominación de orixe de forma individual pero tamén en conxunto. Búscase crear unha estratexia común e coordinada atendendo ás particularidades de cada contorna.

Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo fixo alusión ás iniciativas promocionais que está a impulsar o Goberno galego, unidas a melloras como a sinalización das rutas dos viños, iniciada o pasado ano en Rías Baixas e O Ribeiro e que se completará este ano coas restantes: Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. Así mesmo, avanzou que nos próximos meses tamén se traballará intensamente no desenvolvemento da nova estratexia de turismo enogastronómico Galicia Sabe, que foi avaliada a semana pasada no Consello da Xunta.

Román Rodríguez Galicia lembrou que Galicia “é un destino cunha gastronomía e unha cultura do viño auténtica, con personalidade, que propón unha oferta baseada na súa identidade cultural, na diversidade de paisaxes e na riqueza e variedade de produtos de proximidade e de tempada”. Así mesmo, puxo en valor unha cociña que sabe combinar de forma natural tradición e innovación grazas ao bo facer dos seus profesionais

Sector vitivinícola

O conselleiro do Medio Rural lembrou que o sector do viño en Galicia implica a máis de 15.000 viticultores e 400 bodegas. No que se refire á superficie, calcúlase que na nosa comunidade existen unhas 9.000 hectáreas de viñedos que producen uns 60 millóns de quilos ao ano.


Galería de imaxes

Galicia contará cun Plan estratéxico e de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe do viñoGalicia contará cun Plan estratéxico e de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe do viñoGalicia contará cun Plan estratéxico e de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe do viñoGalicia contará cun Plan estratéxico e de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe do viño

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS