Medio Rural
  • Nova
 

O conselleiro do Medio Rural destaca o incremento no 2018 da facturación dos gandeiros galegos ata os 851 millóns de euros

Sinalou que, ademais do prezo, é necesario coñecer os custos de produción e as marxes de beneficio dos titulares das explotacións para valorar o estado do sector

No encontro, o titular de Medio Rural explicou que involucrará ao sector na reforma da PAC

Indicou que o plan de pastos en extensivo comezará no concello ourensán de Cualedro coa adecuación dunhas 300 hectáreas

José González, no Consello Agrario en Boqueixón

Boqueixón (A Coruña), 11 de febreiro de 2019.- O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu hoxe o Consello Agrario galego no que deu conta dos últimos datos do sector lácteo, entre os que destacou o incremento da facturación dos gandeiros da nosa comunidade. No 2018 esta cifra chegou aos 851 millóns de euros, sinalou González, o que supón un incremento do 16% respecto a 2016.

Isto é así grazas a dúas cuestións, por unha banda o aumento do prezo, que alcanzou no seu momento máis alto do ano os 31,9 céntimos, e grazas ao incremento da produción. En concreto, segundo trasladou o propio conselleiro, o volume de leite producido en Galicia en 2018 chegou aos 2,73 millóns de toneladas, un 5% máis que hai dous anos.

O conselleiro sinalou que estes datos demostran a boa marcha do sector pero que dende a consellería non están “satisfeitos”. “O ámbito lácteo ten que reflexionar sobre cal vai ser o seu futuro e pactar unha estratexia de dinamización”, sinalou José González, e indicou que precisamente neste camiño terá un importante papel a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego na que estarán todos os axentes implicados. Neste sentido, o titular de Medio Rural tamén apelou á necesidade de comezar a falar doutros indicadores ademais do prezo como son os custos de produción e as marxes de beneficio.

PAC 2020

Precisamente co obxectivo de defender os intereses dos agricultores e gandeiros, José González, sinalou que involucrará ao sector na reforma da PAC. Será a través do grupo de traballo multidisciplinar que se creará en Galicia para determinar as necesidades da nosas explotacións e contemplalas na postura que a Xunta presentará ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. O obxectivo é que as peculiaridades de Galicia se teñan en conta no plan estratéxico español como son o límite de axuda de 60.000 euros por granxa, as axudas para explotacións con limitacións naturais e os dereitos históricos dos nosos agricultores e gandeiros.

Así, o Consello Agrario será un foro máis no que valorar os avances neste sentido. De feito, o conselleiro sinalou tamén a súa intención de aumentar a periodicidade destes encontros para que funcionen realmente como o órgano de interlocución da consellería cos axentes que integran o ámbito agrario.

Aplicación das conclusións forestais

Noutra orde de cousas, o conselleiro do Medio Rural sinalou que se comezarán a aplicar as recomendacións da comisión de estudo para a reforma forestal neste ámbito. “Aínda que teñen un carácter principalmente forestal, hai accións vinculadas ao eido agrario”, explicou José González, entre as que destacou o plan de pastos en extensivo que comezará no concello ourensán de Cualedro coa adecuación dunhas 300 hectáreas. Deste xeito, funcionará como ferramenta de prevención dos lumes forestais.

Ademais, o conselleiro trasladou que outra novidade recollida nas recomendacións que botará a andar en breve será a de avanzar na posibilidade de pastorear en terreos queimados, para o que se desenvolverán regulamentariamente as excepcións xa recollidas na lei.

Reestruturación do viñedo

Así mesmo, o conselleiro do Medio Rural destacou que está aberto o prazo de presentación de solicitudes da orde de axudas para a reestruturación do viñedo que este ano, como novidade, permitirá aos viticultores realizar as plantacións cos seus propios medios, sen necesidade de recorrer a empresas. José González sinalou que era unha demanda histórica do sector á que agora se lle dá resposta.


Galería de imaxes

José González, no Consello Agrario en BoqueixónJosé González, no Consello Agrario en Boqueixón

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS