Medio Rural
  • Nova
 

Medio Rural apoia o sector galego do viño con axudas que no período 2019-2020 superan os sete millóns de euros

O titular da consellería indicou que estas achegas teñen como finalidade fomentar a produción, a transformación, a promoción e a comercialización deste sector, o de maior proxección internacional do agro galego

Lembrou que ata o vindeiro día 9 de marzo está aberta a convocatoria de axudas para reestruturación e reconversión do viñedo, dotadas con 1,4 millóns de euros

José González, na cooperativa Jesús Nazareno do Barco de Valdeorras

Vilamartín de Valdeorras (Ourense), 20 de febreiro de 2019.- O conselleiro do Medio Rural, José González, reafirmou hoxe en Valdeorras o apoio da Xunta ao sector do viño, o de maior proxección internacional do agro galego. Nunha visita a esta denominación de orixe, que incluíu a asistencia ao pleno do consello regulador e un percorrido por dúas adegas, o conselleiro lembrou o esforzo investidor do seu departamento para fomentar a produción, a transformación, a promoción e a comercialización deste sector.

Neste sentido lembrou, por exemplo, que permanece aberto ata o vindeiro 9 de marzo o prazo de solicitude de axudas para reestruturación e reconversión do viñedo e salientou que este ano, como novidade, permítese aos viticultores realizar as plantacións cos seus propios medios, sen necesidade de recorrer a empresas, unha medida que responde, ademais, a unha vella demanda do sector.

En total, salientou o conselleiro, nesta convocatoria Medio Rural destina 1,4 millóns de euros a estas axudas. Neste aspecto sinalou que os seus obxectivos fundamentais son diminuír os custos de produción das explotacións e redimensionalas mediante reaxustes estruturais, adaptar as variedades ás demandas do consumidor, preservar as viníferas autóctonas galegas, aumentar a profesionalidade dos viticultores e favorecer a remuda xeracional no sector.

Nesta liña, o conselleiro especificou que estas achegas aplicaranse ás superficies vitícolas nas que se leven a cabo operacións de reimplantación de viñas, reconversión varietal e mellora das técnicas de xestión das viñas.

Fomento da comercialización

Ademais, como mostra dese compromiso da Xunta co sector do viño, o titular de Medio Rural destacou tamén os máis de tres millóns de euros destinados o pasado ano ás axudas para elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, que van beneficiar máis de medio cento de proxectos. A maiores, reiterou que estas mesmas axudas no 2019 teñen un orzamento que acada os 4,25 millóns de euros, o que supón un incremento do 13% respecto á convocatoria anterior.

A maiores, José González, que estivo acompañado nesta visita polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, sinalou que Medio Rural tamén ofrece ao sector axudas para a promoción do viño en terceiros países (fóra da UE). Só para o período 2019-2020 destinaranse a esta finalidade máis de dous millóns de euros.

Todo este esforzo, dixo o conselleiro, ten como finalidade responder aos grandes retos do sector, que pasan por fomentar a profesionalidade, a xeración de sinerxias con outros eidos (turismo e gastronomía, fundamentalmente) e por un modelo de negocio baseado en tres aspectos: diferenciación, calidade e singularidade.

O titular de Medio Rural indicou que todas estas premisas están contempladas no Plan estratéxico e de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe de viño de Galicia que porá en marcha a Xunta co dobre obxectivo de mellorar o posicionamento dos nosos viños e das comarcas que representan.

DO Valdeorras

José González explicou que a denominación de orixe Valdeorras aglutina case 1.300 viticultores e 43 industrias, cunha superficie inscrita que se aproxima ás 1.200 hectáreas. Na última vendima, nesta zona recolléronse 4,7 millóns de quilos de uva, o que representa un aumento de máis do 11% respecto da campaña anterior.

O conselleiro salientou que esta denominación se caracteriza por ter un reparto bastante equilibrado entre os volumes producidos de brancos e de tintos. Así, subliñou que na última vendima colleitouse un 60% de uva branca (sobre todo Godello) e un 40% de tinta (fundamentalmente Mencía).


Galería de imaxes

José González, na cooperativa Jesús Nazareno do Barco de ValdeorrasJosé González, na adega A Coroa da RúaJosé González, no pleno do Consello Regulador en Vilamartín de Valdeorras

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS