Medio Rural
  • Nova
 

A Xunta destaca os bos resultados do vacún de carne en Galicia tanto en cantidade como en calidade

José González salientou que a nosa comunidade ocupa o segundo lugar dentro de España en número de cabezas de gando e o terceiro posto por reses sacrificadas

Sitúa na aposta pola calidade o éxito da produción agroalimentaria galega, que conta con ata 35 producións amparadas por selos de excelencia

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2019.- O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe os bos resultados das indicacións xeográficas protexidas (IXP) de carne de vacún de Galicia en 2018, no marco da evolución favorable deste sector en Galicia nos últimos anos. Así, puxo en valor o crecemento por riba do 3% en certificación e comercialización de Ternera Gallega e os 122 millóns de euros de valor económico en primeira venda. Ademais, sinalou que esta IXP mantivo as súas cifras de actividade no campo, con 8.199 explotacións e 132.868 tenreiros rexistrados.

José González defendeu tamén “a progresiva consolidación” da IXP Vaca Galega / Boi Galego, que conta xa con 683 explotacións, 21 industrias inscritas e 8.593 vacas e bois rexistrados. O conselleiro destacou o peso que está tendo este selo de calidade, ao certificarse o pasado ano un total de 334 canais que sumaron 138 toneladas de carne.

O conselleiro participou na presentación do informe de actividade do Consello Regulador que agrupa estas dúas IXP, acompañado polo seu presidente, Jesús González. Neste foro, o titular de Medio Rural salientou que a nosa comunidade ocupa o segundo lugar dentro de España en número de cabezas de gando (tras Castela e León) e o terceiro posto por reses sacrificadas (despois de Cataluña e da propia comunidade castelán-leonesa).

Neste sentido, José González lembrou tamén que, segundo datos do Ministerio de Agricultura, estas tres comunidades concentran máis da metade da produción nacional, que se sitúa en total arredor dos 2,3 millóns de cabezas. O conselleiro fixo especial fincapé na calidade destas producións e, neste sentido, recordou que Ternera Gallega aglutina máis da metade do produto nacional amparado por algún indicativo de excelencia, como pode ser a indicación xeográfica protexida.

Ademais, José González sinalou que a nosa comunidade conta con ata 35 producións con selos de calidade diferenciada. Para dar apoio a toda esta riqueza, dixo, creouse a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e traballan tamén entidades como o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), que impulsan o I+D+i, a formación e a transferencia de coñecementos ao sector. O conselleiro rematou a súa intervención reiterando o seu convencemento de que, grazas a esta aposta pola calidade, o rural galego ten futuro e que debemos sentirnos orgullosos del.


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS