Medio Rural
  • Nova
 

A cornixa cantábrica avoga por unha PAC que contemple a súa orientación gandeira e o pequeno tamaño das súas explotacións

José González destacou que as súas unidades produtivas están enclavadas en zonas de montaña ou con limitacións naturais, que condicionan a súa produtividade e rendibilidade

Oviedo (Asturias), 15 de marzo de 2019.- As comunidades da cornixa cantábrica (Asturias, Cantabria, País Vasco e Galicia) acordan unha posición común sobre a reforma da PAC, centrada na defensa das súas peculiaridades, especialmente no que atinxe á orientación eminentemente gandeira do seu sistema produtivo e ao pequeno tamaño e ao carácter familiar da maior parte das súas explotacións.

Así o explicou hoxe en Oviedo o conselleiro do Medio Rural da Xunta, José González, quen participou xunto cos seus homólogos das outras tres autonomías nunha xornada de coordinación para reforzar esa postura conxunta. Na xuntanza estiveron, ademais do representante galego, a conselleira de Desarrollo Rural y Recursos Naturales de Asturias, María Jesús Álvarez, o conselleiro de Medio Rural, Pesca y Alimentación de Cantabria, Jesús Oria, e o viceconselleiro de Agricultura, Pesca y Política Alimentaria do País Vasco, Bittor Oroz.

Neste sentido, José González agradeceu o esforzo e a boa sintonía amosada por todos os participantes, que fixeron posible acadar unha posición única da cornixa cantábrica cara este importante debate. O conselleiro destacou que “é evidente que a unión fai a forza e neste caso unímonos para defender, con máis forza se cabe, os intereses dos nosos agricultores e gandeiros”.

Nesta liña, o titular de Medio Rural advertiu que as catro comunidades “precisamos dunha PAC que teña en conta as nosas especificidades”. Entre elas citou, ademais dese pequeno e mediano tamaño das explotacións e a súa orientación gandeira, o feito de que as nosas unidades produtivas estean enclavadas en zonas de montaña ou con limitacións naturais, que condicionan a súa produtividade e limitan a súa rendibilidade. Isto último, engadiu, incide tamén na necesidade de afrontar retos como o envellecemento e o despoboamento do noso medio rural.

PAC equitativa e xusta

Por todas estas razóns, o conselleiro explicou que as catro comunidades avogan de maneira conxunta por unha PAC con suficiente orzamento e máis equitativa e xusta, que supere os desequilibrios entre territorios. Tamén, que se oriente á produción de alimentos, aos profesionais do campo e a xerar emprego e actividade.

Ademais, José González sinalou que se defende tamén un tope máximo de axuda por explotación de 60.000 euros, precisamente para beneficiar ás pequenas explotacións e que as axudas directas se destinen aos agricultores xenuínos, é dicir, profesionais, sen excluír totalmente a aqueles que se dedican á actividade agraria de forma parcial.

Neste mesmo sentido, desde a cornixa cantábrica demándase unha discriminación positiva para as zonas de montaña e con limitacións naturais, tendo en conta os condicionantes que impoñen a orografía e o minifundismo nesta área xeográfica. Así mesmo, pídese un reforzo das políticas orientadas á remuda xeracional e á igualdade entre homes e mulleres no medio rural.

En parecidos termos, as catro comunidades tamén solicitan que se manteñan as axudas asociadas a sectores produtivos como a gandaría de leite ou de carne. Neste contexto, preténdese tamén que a nova PAC se converta nun instrumento para a transformación do agro nun territorio máis vivo, con proxecto propio, integrado e solidario con todos os seus residentes.

 


Galería de imaxes


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS