Medio Rural
  • Nova
 

A Xunta consensúa co sector os obxectivos para avanzar no plan de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe do viño

José González destacou que sumando esforzos conseguirase mellorar o posicionamento dos viños galegos no seu conxunto e reforzar a oferta turística das súas zonas de produción

Boqueixón (A Coruña), 12 de abril de 2018.- Os conselleiros de Medio Rural, José González, de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e de Cultura e Turismo, Román Rodríguez reuníronse esta mañá cos representantes dos consellos reguladores vinícolas e das Rutas do Viño, co obxectivo de consensuar cos axentes implicados os obxectivos principais do futuro Plan estratéxico de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe de viño de Galicia.

Así, na xuntanza o titular de Medio Rural insistiu na necesidade de sumar sinerxías entre todos -Administración e axentes do sector- para impulsar este plan, reforzando a coordinación público-privada co fin de fomentar o desenvolvemento territorial a partir do sector vitivinícola. Nesta liña, José González sinalou que o aproveitamento dos recursos do territorio é clave para dinamizar os espazos rurais.

Deste xeito, o conselleiro destacou que sumando esforzos conseguirase mellorar o posicionamento dos viños galegos no seu conxunto e reforzar a oferta turística das súas zonas de produción. “Galicia é coñecida pola súa gastronomía e vinculala ao seu territorio é fundamental para impulsar economicamente esas zonas”, engadiu José González.

Para acadar eses fins, o plan vai desenvolver unha serie de actuacións que se basean na elaboración de indicadores socioeconómicos, dende os demográficos ata os relacionados co emprego ou o valor engadido, entre outros. Tamén se fará un estudo da cadea de valor do viño e do sector turístico, así como unha análise pormenorizada do patrimonio natural, cultural e paisaxístico.

O conselleiro do Medio Rural lembrou a importancia económica e estratéxica que representa o sector do viño en Galicia. Neste aspecto recordou que este eido implica a máis de 13.000 viticultores e máis de 460 bodegas. No que se refire á superficie, José González trasladou que se calcula que na nosa comunidade existen máis de 9.200 hectáreas de viñedos que producen uns 64 millóns de quilos de uva ao ano, o que supón un valor estimado de máis de 206 millóns de euros no mercado.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, fixo fincapé en que o do viño é o sector agroindustrial máis exportador, sinalando que o pasado ano vendeu máis de 77.700 hectolitros ao mercado exterior, facturando 39 millóns de euros.

Conde apuntou que se trata dunha industria consolidada en Galicia que está apostando por innovar nas infraestruturas, nos procesos de produción e de elaboración e na comercialización, e que está acollendo novas iniciativas emprendedoras.

Neste eido, lembrou que ata o vindeiro 16 de maio está aberta a primeira convocatoria da Business Factory Food, a aceleradora do sector agroalimentario que busca impulsar novos proxectos que acheguen ideas innovadoras a este ámbito.

Estratexia Galicia Sabe

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Turismo fixo fincapé na destacada posición que ocupa a enogastronomía no modelo turístico galego, nomeadamente a través da Estratexia Galicia Sabe. Tal e como explicou Román Rodríguez, trátase dunha nova folla de ruta que axudará a definir prioridades e a planificar a actividade deste tipo de turismo nos vindeiros catro anos.

O obxectivo é impulsar un modelo de desenvolvemento sustentable e responsable a través de cinco liñas estratéxicas. Entre elas, atópase o recoñecemento e protección á cultura gastronómica de Galicia; a estimulación do coñecemento, a formación e o I+D+i; o impulso de produtos e liñas de traballo de turismo enogastronómico; a renovación do marketing e a comunicación; e a creación dun modelo de gobernanza.

En definitiva, como salientou Román Rodríguez, Galicia Sabe facilitará a aproximación entre o sector primario e o turismo e servirá tamén para potenciar o turismo rural cun modelo desestacionalizado e comprometido co medio ambiente e o territorio.


Galería de imaxes


 

Recursos



© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS