Medio Rural
  • Nova
 

Xunta e Cruz Vermella abordan posibles vías de colaboración en materia de seguridade cando se rexistren incendios forestais

A entidade mantivo un encontro co conselleiro do Medio Rural para ofrecerse a colaborar contra os lumes forestais

José González destacou a importancia de estreitar lazos con esta asociación dada a importante implantación territorial que ten en toda Galicia
 

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2019.- Responsables de Cruz Vermella mantiveron esta mañá un encontro co conselleiro de Medio Rural, José González, co obxectivo de pór en marcha vías de colaboración na estratexia de prevención e defensa contra os incendios forestais. O titular de Medio Rural destacou a importancia de estreitar lazos con esta organización dada a destacada implantación territorial que ten en toda Galicia.

Na reunión, á que acudiron a presidenta de Cruz Vermella, Carmen Colmeiro, e o coordinador autonómico, Joaquín Varela, tamén asistiu o director de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto. Xuntos abordaron a mellor forma de colaboración co obxectivo de unir sinerxías, especialmente na tempada de alto risco.

En principio, a axuda podería ir orientada en dúas vertentes, por unha banda, a actuación do persoal de Cruz Vermella naqueles lumes nos que haxa risco para as persoas ou bens non forestais, como son as situacións 2, a través do establecemento dun protocolo entre ambas entidades. O obxectivo é garantir que os recursos e redes de Cruz Vermella estean debidamente coordinados co resto do persoal que conforma o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.

Doutra banda, esta organización podería desenvolver un labor importante á hora de informar á xente de que facer en caso de incendio. A intención é explicar aos seus voluntarios os protocolos de actuación e de seguridade pasiva para que os trasladen á poboación.

Así, o conselleiro mostrouse moi agradecido ante esta entidade polo seu interese nesta problemática e destacou que a coordinación e a implicación de todas as administracións é a liña de traballo que segue esta consellería contra os lumes forestais.
 


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS