Medio Rural
  • Nova
 

Medio Rural porá en marcha un proceso de certificación en montes de xestión pública para reforzar o sector forestal

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal mantivo un encontro de traballo con representantes do sistema de certificación forestal FSC para analizar a situación actual do mercado da madeira e dos produtos transformados en Galicia

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal mantivo un encontro de traballo con representantes do sistema de certificación forestal FSC

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2019.- O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, mantivo un encontro de traballo con representantes do sistema de certificación forestal FSC para analizar a situación actual do mercado da madeira e dos produtos transformados en Galicia. Alí, o director xeral avanzou que se vai poñer en marcha nas vindeiras semanas un proceso de certificación en montes de xestión pública co fin de reforzar a calidade do sector forestal galego.

Así, José Luís Chan destacou a importancia destes selos de certificación para garantir o acceso da madeira dos nosos montes aos mercados, á vez que garante tamén a propia sustentabilidade e xestión dos montes. De aí, sinalou, que sexa necesario realizar un esforzo conxunto por incrementar as superficies forestais certificadas na nosa comunidade, co fin de asegurar a viabilidade dos aproveitamentos forestais en xeral e dos madeireiros en particular.

O director xeral insistiu en que esta certificación serve como medida de concienciación medioambiental, posto que informa ao consumidor da procedencia dos produtos en venda que proveñen de montes xestionados de forma sostible. Convértese, polo tanto, nunha ferramenta de mercado que favorece a exportación dos produtos forestais, ao conter un valor engadido que beneficia a súa demanda.

Neste senso, José Luís Chan lembrou que Galicia é a comunidade autónoma coa maior taxa de aproveitamento madeireiro, con máis do 50% do volume de cortas en España, e destacando os 9,7 millóns de metros cúbicos de cortas de madeira solicitadas para aproveitamento en montes ou terreos de xestión privada no pasado ano 2018.

No que respecta precisamente ás iniciativas de certificación, FSC (Forest Stewardship Council) é unha organización independente, non gobernamental, internacional e sen ánimo de lucro creada en 1993, co obxectivo de promover unha xestión forestal ambientalmente responsable, socialmente beneficiosa e economicamente viable nos montes de todo o mundo. A maiores deste selo, tamén é representativo a PEFC (Programme for the Endorsement of Forest Certification).

Na xuntanza estiveron presentes o profesor da USC de Lugo e membro do consello da Cámara do Medio Ambiente no FSC España, Alberto Rojo; o director rexional do FSC para Europa, Anand Punja; o director executivo do FSC España, Gonzalo Anguita; e o director de proxectos do FSC España, Marcos Estévez.


Galería de imaxes

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal mantivo un encontro de traballo con representantes do sistema de certificación forestal FSCO director xeral de Planificación e Ordenación Forestal mantivo un encontro de traballo con representantes do sistema de certificación forestal FSC

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS