Medio Rural
  • Nova
 

José González: "Entre todos buscamos detectar actividade incendiaria para poder levar a estes delincuentes ante a Fiscalía"

Para iso o conselleiro adiantou que ao abeiro do acordo co Exército contarase cun dron específico para desenvolver estas tarefas de vixilancia e disuasión

A presenza de medios militares nos montes galegos enmárcase no convenio de colaboración subscrito entre a Consellería do Medio Rural e o Ministerio de Defensa

O despregue de 27 patrullas, formadas por militares sobre vehículo, levarase a cabo entre o 15 de agosto e o 30 de setembro

Pontevedra, 14 de agosto de 2019.- O conselleiro do Medio Rural, José González, asistiu esta mañá ao despregue das tropas da Operación Centinela, na base militar General Morillo de Pontevedra, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto. Alí destacou o papel que xoga este operativo nos montes galegos, facendo un labor de disuasión que contribúe a contrarrestar a actuación delituosa dos incendiarios. "Entre todos buscamos detectar actividade incendiaria para poder levar a estes delincuentes ante a Fiscalía", incidiu o conselleiro.

Neste sentido, o conselleiro adiantou que ao abeiro deste acordo co Exército contarase cun dron específico para desenvolver estas tarefas de vixilancia e disuasión nos montes galegos, reforzando a coordinación entre os militares e os axentes das Brigadas de Investigación de Incendios Forestais (BIIF).

Esta Operación Centinela nace do convenio de colaboración subscrito entre a Consellería do Medio Rural e o Ministerio de Defensa para reforzar a vixilancia nos montes galegos. O despregue de 27 patrullas, formadas por militares sobre vehículo, permite vixiar e identificar os potenciais axentes causantes dos lumes forestais, ao tempo que se busca que a propia presenza destes medios disuada aos incendiarios deste tipo de prácticas delituosas.

Durante o acto, José González puido coñecer as tropas que, a partir de mañá, estarán vixiando os montes galegos ata o vindeiro 30 de setembro. Este dispositivo está composto, fundamentalmente, por unidades da BRILAT, pero tamén participan patrullas do Tercio Norte de Infantería de Marina, con base en Ferrol.

Todo este persoal, que en caso de situacións de risco alto ou moi alto poderá chegar ás 75 patrullas e 2 helicópteros de vixilancia, sumarase ao dispositivo de loita contra incendios baixo o mando único da Xunta. Un operativo de loita contra incendios que na tempada de alto risco acada os 7.000 efectivos despregados nos montes galegos entre persoal propio da Xunta, da Administración do Estado e dos concellos, apoiados por unha trintena de medios aéreos e 360 motobombas, entre outros medios.

Así, José González insistiu en que na loita contra os incendios forestais toda axuda institucional é importante, ao igual que a colaboración cidadá. Por iso este ano púxose en marcha o teléfono específico e gratuíto de denuncias anónimas contra condutas incendiarias, o 900 815 085, ademais do xa coñecido 085 ao que deben chamar no caso de detectar un incendio forestal.


Galería de imaxes


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS