Medio Rural
  • Nova
 

Medio Rural estudará emitir informes favorables excepcionais en favor da caza do xabaril en terreos queimados de Pontevedra para frear a súa expansión

A concentración de amplas zonas sen actividade cinexética no sur pontevedrés, debido aos lumes rexistrados, pode supoñer un importante problema á hora de controlar a poboación de xabarís

A normativa prohibe a actividade cinexética ata que transcorran tres anos desde que se rexistra un incendio, pero tamén establece posibles excepcións logo dun informe favorable da Consellería do Medio Rural, competente en materia forestal

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2019.- O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, mantivo esta mañá unha xuntanza en San Caetano con membros da Federación Galega de Caza en Pontevedra. No encontro analizouse a actual problemática que sofren os agricultores galegos en relación coa proliferación do xabaril.

Neste sentido, a Consellería do Medio Rural comprometeuse a estudar a posibilidade excepcional de emitir informe favorable en determinados casos para que o órgano competente en materia cinexética poida emitir autorización para este tipo de aproveitamentos en terreos queimados.

A Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia establece no seu artigo 44 que os aproveitamentos e a repoboación cinexética en terreos queimados quedan prohibidos durante un período a contar desde a data na que se produza o incendio ata o 31 de decembro posterior en que se cumpran tres anos deste, agás autorización expresa do órgano competente en materia cinexética, logo do informe favorable da Consellería do Medio Rural, a competente en materia forestal.

Consonte a esta norma, o director xeral de Defensa do Monte trasladou aos representantes dos cazadores pontevedreses a súa disposición a informar favorablemente esta cuestión. Explicoulles que se valora esta opción dado que a concentración de amplas zonas sen actividade cinexética no sur desta provincia, debido aos lumes rexistrados, pode supoñer un importante problema á hora de controlar a poboación de xabarís. Esta especie, nos actuais niveis poboacionais, supón unhas perdas moi importantes para as explotacións agropecuarias, engadiu o director xeral.


Galería de imaxes


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS