Medio Rural
  • Nova
 

O DOG publica hoxe o decreto polo que se crea unha xerencia específica para a Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Esta modificación da estrutura non suporá un incremento do gasto público, xa que se fai amortizando outro posto vacante

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2019.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que se modifican os estatutos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) para crear a súa xerencia. A posta en marcha desta figura obedece á necesidade de atribuír a un órgano concreto a coordinación e xestión de toda a actividade administrativa da entidade, na procura dunha maior axilidade, eficiencia e eficacia na súa actuación.

Esta modificación da estrutura da Agacal non suporá un incremento do gasto público, xa que se fai amortizando o posto vacante da subdirección de coordinación e promoción para o desenvolvemento do medio rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que tamén depende da Consellería do Medio Rural. O decreto establece tamén que o xerente será nomeado e cesado polo Consello Reitor da axencia, por proposta do seu presidente, que é o conselleiro do Medio Rural.

Tal e como establece a publicación do DOG, as funcións da xerencia son a xestión, coordinación, control e seguimento do resto das áreas e órganos administrativos da súa estrutura; ademais da coordinación e seguimento da xestión económica, contractual, orzamentaria e patrimonial da axencia. A creación desta figura redundará nunha mellora da xestión da Agacal e, por extensión, de todo o relativo á promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos, así como dos ámbitos da formación e investigación agroforestal.

Cómpre lembrar que a Agacal naceu co principal cometido de impulsar a promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios da nosa comunidade acollidos aos distintos indicativos. Eses produtos con denominación de orixe e indicación xeográfica protexida son o baluarte da produción agroalimentaria galega de calidade.

O sector agroalimentario dos produtos de calidade acada unha facturación anual duns 450 millóns de euros e implica a case 30.000 explotacións agrarias (moitas delas de carácter familiar) e unhas 900 industrias, polo que ten unha gran importancia tanto dende o punto de vista económico como social na nosa comunidade autónoma.


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS