Medio Rural
  • Nova
 

Medio Rural destinará máis de 20 millóns de euros en 2020 para impulsar as 104 reestruturacións parcelarias que están actualmente abertas

José González reiterou o compromiso do seu departamento coas reestruturacións parcelarias como instrumentos de dinamización do agro galego

Nesta lexislatura, o orzamento total destinado a estes procesos de reorganización do territorio supera os 100 millóns de euros

Programouse unha reunión informativa para o vindeiro martes cos veciños da zona de concentración parcelaria de Gonzar II, no centro sociocultural Luís Seoane do Pedrouzo

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2019.- O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde do concello do Pino, Manuel Taboada, para analizar a situación actual das reestruturacións parcelarias abertas neste concello coruñés.

Na reunión, o conselleiro reiterou o compromiso do seu departamento coas reestruturacións parcelarias como instrumentos de dinamización do agro galego e avanzou que a Consellería investirá no ano 2020 máis de 20 millóns de euros para impulsar os 104 procesos de reestruturación parcelaria que están abertos a día de hoxe. Ademais, recalcou que outros 17 procesos están pendentes da fase de entrega de títulos e que non conleva un gasto orzamentario para a Consellería. Neste senso, o titular de Medio Rural incidiu en que se sumamos esta cantidade presupostaria fixada para o vindeiro ano ao xa investido ao longo desta lexislatura, o investimento total supera os 100 millóns de euros.

Neste senso, José González trasladoulle ao rexedor que a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia na que traballa a Xunta e o Grupo Parlamentario Popular, que entrará no Parlamento este mes, complementará estes procesos de reorganización do territorio a través de figuras como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo ou os instrumentos de xestión conxunta.

Durante o encontro, ambos dirixentes estiveron planificando as actuacións necesarias para impulsar a zona de concentración parcelaria de Gonzar II, no concello do Pino. Así, acordaron levar a cabo unha reunión informativa cos veciños desta zona para informarlles do deseño do trazado da rede viaria, así como do proxecto de obras de camiños principais, para o cal hai un orzamento superior aos 1,7 millóns de euros.

Esta reunión informativa estará presidida polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e terá lugar o vindeiro martes, 19 de novembro, ás 12,00 h. no centro sociocultural Luís Seoane, na parroquia de Pedrouzo.

Finalmente, repasaron o estado do resto de reestruturacións parcelarias que hai neste municipio, destacando a da zona de Monte de Santa María de Budiño, con acordo firme e só pendente da entrega de títulos.


Galería de imaxes


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS