Medio Rural
  • Nova
 

José González anima á mocidade a aproveitar a posta en valor do centro agroforestal de Sergude como "espello do rural" para asentarse no agro

A Xunta investirá dez millóns de euros para ofrecer, a pequena escala, unha visión global do que é o medio rural galego desde o punto de vista agropecuario e forestal

A iniciativa contempla tamén, entre outras medidas, melloras neste centro de formación, fomentando o orgullo e a ilusión por emprender no noso agro

Boqueixón (A Coruña), 3 de decembro de 2019.- O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, explicou esta mañá aos alumnos do Centro de formación e experimentación agroforestal de Sergude (CFEA) o concurso de ideas para converter as instalacións que rodean o Pazo de Quián no “Gran espello do rural galego”.

O conselleiro destacou que un dos obxectivos desta iniciativa, que prevé un investimento global de dez millóns de euros, é “pechar o círculo” das producións agrogandeiras e fomentar así a remuda xeracional no agro, de forma que a mocidade se motive para incorporarse a estas actividades. Por iso, segundo explicou José González, o proxecto abrangue, entre outras medidas, melloras neste centro de formación, fomentando o orgullo e a ilusión por emprender no rural galego.

Esta será unha das liñas de traballo a desenvolver nas instalacións do centro, tal como indicou o titular de Medio Rural, quen lembrou ademais que en breve se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria do devandito concurso de ideas. Con este concurso trátase -dixo o conselleiro- de mobilizar a inventiva e a creatividade dos profesionais para crear un centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia, no marco de Galicia Calidade. Así, nunha primeira fase o concurso destinará 1,2 millóns de euros para cubrir os custos dos proxectos básico e de execución, así como da dirección de obra.

Así mesmo, González sinalou que o gañador do primeiro premio deste concurso (dotado con 40.000 euros) poderá ser tamén o adxudicatario do contrato de servizo de redacción do proxecto básico e de execución, así como da dirección da obra ulterior. A convocatoria determina tamén outros catro premios, a maiores, dotados con entre 25.000 e 10.000 euros.

Reprodución visitable

José González destacou que con esta iniciativa darase, a pequena escala, unha visión global do que é o medio rural galego desde o punto de vista agropecuario, forestal, hortofroitícola, etc. Por iso, as instalacións deste centro de Sergude (que conta cunha superficie de arredor de 100 hectáreas) converteranse nunha reprodución visitable da ordenación do territorio que se pretende para o rural galego cos tres usos: forestal, agrícola e gandeiro.

A área forestal estará constituída por un monte multifuncional, vivo e dinámico, así como sustentable social, económica e ambientalmente, con diversidade de especies. A zona gandeira complementará a forestal con gandaría en extensivo, así como cunha explotación convencional de deseño exemplar e integrada no medio natural, incorporando todas as razas autóctonas existentes na nosa comunidade. O espezo agrícola incorporará unha mostra de todos os produtos agroalimentarios acollidos a selos de calidade.

O conselleiro sinalou que dentro do proxecto tamén está prevista a posta en marcha de instalacións de transformación agroalimentarias, tales como adega, destilería, panadería, queixería, almazara, área de conservas hortofrotícolas e outras. Tamén haberá un centro de promoción gastronómica, concibido para que os cociñeiros galegos poidan traballar e poñer en valor eses produtos e un lugar de negocios para fomentar a comercialización das producións, de forma que se poidan xuntar produtores e distribuidores de forma centralizada. O centro incorporará ademais un espazo interactivo no que os visitantes poidan coñecer polo miúdo os nosos produtos e industrias agroalimentarias e acollerá o Banco de Recursos Fitoxenéticos de Galicia, cunha aula de interpretación visitable.

Completarán a iniciativa un mercado-exposición, no que os produtores poderán amosar e facer promoción de forma centralizada, nas súas diferentes fases de elaboración, a sede institucional da Galicia Calidade do rural galego e un lugar para a organización de mostras e eventos ligados á produción agroalimentaria de calidade, tales como as catas dos queixos e dos meles ou dos viños.


Galería de imaxes


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS