Medio Rural
  • Nova
 

Galicia e Asturias reforzan a súa colaboración fronte á couza guatemalteca da pataca en ambas comunidades

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias reuniuse hoxe en Ribadeo coa directora general de Desarrollo Rural do Principado para abordar este asunto

O encontro serviu de preparación para unha futura xuntanza de coordinación co Ministerio sobre esta mesma materia

Ribadeo (Lugo), 3 de decembro de 2019.- O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse hoxe en Ribadeo coa directora general de Desarrollo Rural de Asturias, Begoña López, para reforzar a coordinación entre Galicia e o Principado na loita fronte á couza guatemalteca da pataca.

Esta xuntanza de traballo, na que tamén participaron técnicos de ambos departamentos, tivo carácter preparatorio do encontro previsto proximamente entre estas dúas comunidades autónomas e responsables do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que supervisa estes labores no conxunto de España.

A reunión de hoxe serviu para avaliar a situación do organismo de corentena a ambos lados do Eo, con vistas ao posible levantamento da prohibición de plantar tubérculos en determinadas zonas de Asturias e Galicia, tendo en conta o cumprimento dos requisitos establecidos pola normativa de aplicación, en particular o feito de non rexistrarse a presenza do insecto durante un período de dous anos dende a última captura.

Ambos directores destacaron a coordinación existente no desenvolvemento destas tarefas e puxeron de manifesto, de novo, a importancia da colaboración de todos os interesados cos poderes públicos para facer fronte á couza. De feito, no caso de Galicia as medidas de control propiciaron nestes días a detección de casos de tubérculos afectados pola couza en almacéns de autoconsumo en tres parroquias dos municipios coruñeses da Laracha e Carballo, o que obrigou a reforzar nestas zonas as actuacións de erradicación e control, actualmente en marcha.


Galería de imaxes


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS