Medio Rural
  • Nova
 

A Consellería do Medio Rural achega catro millóns de euros para a promoción de produtos galegos de calidade diferenciada

Esta liña de axudas que xestiona a Axencia Galega da Calidade Alimentaria está destinada a apoiar as actividades de información e fomento que realizan os distintos consellos reguladores e as asociacións de produtores

As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica nun prazo dun mes contado a partir de mañá

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2020.- A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, achegará catro millóns de euros para actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior. O orzamento divídese en 2,4 millóns de euros para a anualidade de 2020 e 1,6 millóns para o 2021 e está cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) para Galicia 2014-2020.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta resolución, que indica que os beneficiarios poden ser calquera agrupación que reúna a produtores amparados por un réxime de calidade. As actividades subvencionables serán todas aquelas que pretendan dar a coñecer un produto cun selo de calidade diferenciada para fomentar o seu consumo. Deste xeito, deberán resaltarse as características ou as vantaxes específicas destes alimentos como a súa calidade, os seus métodos específicos de produción ou as estritas normas aplicadas para garantir o benestar dos animais e o respecto do ambiente vinculadas ao programa de calidade de que se trate.

Entre os gastos subvencionables recóllense a organización ou a participación en feiras e exposicións, a publicidade nos medios de comunicación ou en puntos de venda e as actividades de relacións públicas, sempre que se cumpran as indicacións establecidas na orde. Tamén serán obxecto de subvención os estudos de mercado relacionados directamente coas campañas de promoción e os de avaliación do impacto destas accións sobre os consumidores.

As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica co formulario específico que acompaña esta orde dirixido á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). O prazo de presentación é dun mes a contar dende mañá, día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS