Instituto Galego da Calidade Alimentaria
O Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL) é un ente de dereito público, adscrito á Consellaría do Medio Rural, creado no ano 2005, pola Lei 2/2005 do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.
O obxecto do Ingacal é a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico no sector alimentario. Así mesmo o Instituto é o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade.
Historia
A Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, determina a creación do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, Ingacal, como un ente de dereito público con personalidade xurídica de seu, aínda que sometido á dirección estratéxica da Consellaría do Medio Rural.
O seu regulamento foi publicado o 18 de xaneiro de 2007 no Decreto 259/2006, do 28 de decembro polo que se aproba o Regulamento do Instituto Galego da Calidade Alimentaria.
Actividade
A actividade do Instituto céntrase fundamentalmente nas seguintes:
- Desenvolver a investigación agrícola, gandeira e alimentaria.
- Impulsar o desenvolvemento rural e a transferencia tecnolóxica.
- Promocionar e protexer a calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade.
- Facilitar o funcionamento dos consellos reguladores na xestión, control e certificación dos produtos acollidos a denominacións de calidade.
Obxectivos
- Investigación aplicada e desenvolvemento tecnolóxico no sector alimentario de Galicia.
- Investigación orientada cara á seguridade das materias primas alimentarias, no que sexa competencia da administración agraria.
- Posta en valor das distintas actuacións tecnolóxicas e investigadoras, e as que deriven do acervo de coñecemento do instituto, mediante as fórmulas axeitadas de divulgación ou comercialización, así como as de participación e imbricación dos distintos subsectores das propias actuacións del.
- Promoción e participación directa nas operacións concretas de desenvolvemento nas que se dean as circunstancias de interese territorial ou estratéxico, insuficiente participación dos axentes económicos e necesidade de estruturar ou reestruturar un ámbito produtivo vinculado ao sector alimentario e que lle sexan encomendadas nos termos que se establezan regulamentariamente.
- Actuacións de control e certificación dos produtos acollidos ás distintas figuras de protección da calidade alimentaria do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Promoción e defensa da calidade dos devanditos produtos.
- Prestación de todo tipo de servizos de asesoramento e xestión aos consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade e aos órganos de xestión doutras figuras de protección da calidade alimentaria.
Estrutura
