Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Gandaría >> Sanidade animal >> Peste Porcina Africana
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Peste Porcina Africana (PPA)

A Peste Porcina Africana (PPA) é unha enfermidade de orixe vírica altamente contaxiosa que afecta ao gando porcino e aos xabaríns. Non se trata dunha enfermidade que afecte aos humanos, pero ten unha gran repercusión tanto sanitaria como económica para o sector porcino. Non existe vacina para esta enfermidade polo que é moi importante evitar a entrada do virus por calquera vía en Galicia.

A Consellería do Medio Rural desenvolve anualmente o Programa de Vixilancia Sanitaria Porcina no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que se intensificou a partires de 2014 con motivo da presenza da enfermidade en diversos países da Unión Europea. Actualmente esta enfermidade está presente en gando porcino e en xabarís en Estonia, Estonia, Letonia, Lituania, Polonia, Romanía, Hungría, Bulgaria, República Checa e recentemente en Bélxica.  Na extensión lenta pero continuada desta enfermidade por territorio europeo ten moita importancia a difusión por xabarís silvestres infectados.

Para previr a entrada da PPA en Galicia é fundamental incrementar os sistemas de vixilancia establecidos, así como divulgar as vías de introdución habituais nesta enfermidade.

O virus da PPA podería chegar a territorio de Galicia fundamentalmente por dúas vías:

  • vía directa: a través de porcos ou xabaríns infectados ou polos vehículos de transporte de animais (principalmente transporte de porcos pero tamén doutras especies gandeiras se se usan os mesmos vehículos).
  • vía indirecta a través de materiais contaminados co virus: estes materiais poden ser moi diversos; roupa, calzado, alimentos do gando, etc, pero é de especial importancia a transmisión do virus da PPA a través de alimentos de consumo humano de orixe porcino ou de xabarín, ou dos seus restos. É de especial interese tamén a transmisión indirecta producida polos cazadores que realicen actividades de caza nos países de risco, a través de vehículos, roupa ou utensilios de caza contaminados.


É fundamental polo tanto estremar as seguintes medidas:

  • reforzar e aumentar a bioseguridade das nosas granxas de gando porcino: os gandeiros de explotacións porcinas deben evitar a incorporación de porcinos de países de risco, manter as explotacións illadas ao acceso de xabaríns, asegurarse dunha eficaz limpeza e desinfección de vehículos,  persoas ou equipos que accedan á granxa, etc.
  • non introducir en Galicia produtos cárnicos de gando porcino ou xabarín orixinarios dos países de risco, e no caso de facelo, asegurarse de que estes produtos ou os seus restos non son utilizados na alimentación dos porcos nin son eliminados en lugares aos que teñan acceso os xabarís (sempre eliminalos en contedores estancos e con tapadera).
  • evitar realizar actividades cinexéticas nos países afectados, e no caso de facelo, evitar traer produtos animais da cacería e garantir unha adecuada limpeza e desinfección de todos os materiais que podan servir de fonde de contaxio.

A detección precoz desta enfermidade é sumamente importante para que as medidas de control sexan efectivas, polo que ante calquera sospeita de enfermidade no gando porcino ou en xabaríns silvestres, debe comunicalo de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural na rede de Oficinas Agrarias Comarcais ou tamén a través do teléfono 012.

Engádense aquí información de interese en relación co sistema de vixilancia desta enfermidade: 

Medidas para a prevención de enfermidades animais - Información para cazadores (284 Kb)

Documento divulgativo sobre os principais síntomas clínicos da Peste Porcina Africana (PPA) en gando porcino (784 Kb)

Información sanitaria sobre a entrada de produtos para o consumo humano (650 Kb)

Medidas de bioseguridade en granxas porcinas (800 Kb)

Medidas de bioseguridade no transporte porcino (760 Kb)

Díptico informativo Peste Porcina Africana (PPA) en explotacións de porcino (820 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS