Noticia

Compartir
A Xunta organiza en Chantada dúas xornadas sobre bioseguridade nas explotacións porcinas

A Xunta organiza en Chantada dúas xornadas sobre bioseguridade nas explotacións porcinas

Os obradoiros desenvolveranse na Aula CeMIT de Chantada o vindeiro xoves 1 e o venres 2 de decembro en horario de 16,00 a 21,00 horas

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2022

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar dúas xornadas en Chantada sobre bioseguridade nas explotacións porcinas. Os obradoiros desenvolveranse na aula CeMIT de Chantada o vindeiro xoves 1 e o venres 2 de decembro en horario de 16,00 a 21,00 horas.

O obxectivo destas formacións é que os alumnos obteñan os coñecementos necesarios no ámbito da prevención, bioseguridade e a redución de tratamentos con antimicrobianos. Ademais, búscase mellorar a competitividade das explotacións porcinas e preparar aos gandeiros para que afronten con éxito a loita contra as novas emerxencias sanitarias.

Os cursos están dirixidos á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse os referidos cursos e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 294 988, ou enviarse un correo a oscar.cacharron.mojon@xunta.gal.