Benvida

Compartir
Conselleiro

O Conselleiro

José González Vázquez

O medio rural constitúe a esencia e a alma de Galicia. Nel atópanse as bases da súa cultura, as súas tradicións e a súa personalidade. Non obstante, é moito máis ca un espazo físico habitado, a pesar de que represente, iso si, a maior parte do noso territorio.

Diante desta realidade incuestionable, corresponde aos poderes públicos, da man da iniciativa privada, lograr que o agro continúe sendo un eido vivo, multifuncional, dinámico e sustentable. Ten que ser un ámbito no que exista actividade económica en xeral e agrogandeira en particular, e que esta sexa quen de xerar producións de calidade e con valor engadido suficiente para que chegue a toda a cadea de valor, desde o agricultor e gandeiro ata o consumidor final, pasando pola industria e a distribución.

Precisamente, o engarce de todos estes axentes constitúe un dos obxectivos fundamentais da Consellería do Medio Rural e para iso cómpre actuar a todos os niveis, de maneira especial no primeiro elo. Así, un dos nosos obxectivos estratéxicos pasa por poñer en valor as terras con vocación agrogandeira, mobilizando predios para poñelos en uso e para dotar de base territorial suficiente aos agricultores e gandeiros. O que pretendemos é que dispoñan dos medios e ferramentas necesarias para producir alimentos de calidade, mesmo que poidan chegar á excelencia.

Todo isto implica tamén procurar calidade de vida para os habitantes do rural, empezando por fixar poboación e frear o abandono. Iso pasa, ademais, por asegurar boas infraestruturas de todo tipo, especialmente as relacionadas coa mobilidade das persoas e os bens. E iso ten que ver, así mesmo, con fomentar a actividade económica, tanto a propiamente agropecuaria como, en xeral, a doutros sectores que tamén teñen cabida no rural, como son os servizos ou as novas tecnoloxías.

Por suposto, cando falamos de sustentabilidade temos que pensar, tamén, na faceta ambiental. A preservación do "ecosistema" rural debe contemplar tanto o coidado do seu tecido social e económico como a protección do propio territorio sobre o que este se asenta. De feito, unha cousa vai da man da outra. Por iso, a defensa da nosa impagable riqueza forestal, así como a reestruturación das terras con potencial agrogandeiro constitúen, así mesmo, liñas fundamentais de traballo da consellería.

Esta é, pois a filosofía que debe presidir a nosa acción política: Garantir a existencia dun rural que non ten porque renunciar ao mellor do que foi, pero que tamén saiba encarar con soltura e dignidade o futuro.