Preguntas e respostas - FAQs

Compartir

XENÉRICAS

PERSOAL

FORESTAL

GANDERÍA

AGRICULTURA

APICULTURA

XENÉRICAS

Cal é a data de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, de declaración de alarma?

O RD entrou en vigor o 15 de marzo, cunha duración de 15 días naturais, finalizando dito período o 29 de marzo. Así mesmo, o goberno ampliou o estado de alarma 15 días máis, estando prevista a súa finalización o 11 de abril.

Teño que presentar unha solicitude de axudas na Consellería do Medio Rural cuxo prazo de presentación remata o día 31 de marzo. Como podo facelo estando en corentena?

A DA 3ª do RD 463/2020, de declaración do estado de alarma, prevé unha suspensión de termos e interrupción de prazos. A suspensión supón que no "corren" estes prazos, desde a entrada en vigor do estado de alarma, reanudándose o seu cómputo, cando finalicen os 15 días de duración do mesmo e a expensas, dunha prórroga, se a houbese.

No caso de presentación telemática dunha solicitude de subvención, podo presentala igual aínda que os prazos estean suspendidos?

Si, a presentación telemática está operativa aínda que os prazos non corren.

E no caso da solicitude da axuda PAC?

Debemos realizar diferenzas. En canto aos prazos marcados pola administración autonómica ou estatal, estes están suspendidos ou interrompidos pola disposición adicional terceira.

En canto aos prazos europeos, a Unión Europea ven de ampliar o prazo de solicitudes ata o 15 de xuño.

Teño animais na casa e preocúpame que poidan contaxiarse.

Coa información sanitaria que temos a data de hoxe, e tendo en conta que este virus non ten precedentes de estudo, os animais non poden transmitir o virus e tampouco se contaxian. Convén, iso si, estremar as medidas hixiénicas tamén con eles.

Vanse abrir os mercados?

Non, nin os gandeiros nin os mercados agrarios, segundo está regulado polo Real decreto do Goberno central.

Está permitida a apertura dos mercados de proximidade?

Non. Segundo a orde publicada no DOG o 23 de marzo queda prohibida ata o 31 de marzo a celebración dos mercados tradicionais que teñen lugar nos concellos de Galicia con venda directa de produtos agrícolas e gandeiros. O levantamento ou mantemento desta prohibición despois do 31 de marzo poñerase en coñecemento da cidadanía a través da páxina web da Consellería do Medio Rural.

Podo saír de casa a pasear se vivo no rural rodeado de monte?

Só se pode saír da casa a pasear un animal de compañía dando só paseos curtos. O resto de casos non están contemplados polo Real decreto do Goberno central.

A efectos de normativa a aplicar en Galicia, prevalece o Plan territorial de emerxencias de Galicia sobre o RD polo que se declara o estado de alarma?

Non, o Decreto da declaración do estado de alarma prevalece sobre a norma autonómica que queda ratificada en todo o que non contradiga o decreto estatal. Ante calquera dúbida sobre unha actividade específica, débese consultar a normativa estatal e autonómica e no caso de manterse a dúbida, consultar.

Hai algunha limitación para as tendas de subministro de abonos, plantas, pensos, plásticos, ferretería agrícola e gandeira, zoosanitarios, fitosanitarios, … subministros agrícolas e gandeiros en xeral?

Como se recolle no artigo décimo do Acordo polo que se declara a situación de Emerxencia Sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA) do 13 de marzo, suspéndese toda actividade comercial minorista en todo o territorio da Comunidade Autónoma, a excepción dos establecementos de alimentación, produtos e bens de primeira necesidade e, tal como expón o punto 47.76, todo “comercio ao por menor de flores, plantas, sementes, fertilizantes, animais de compañía e alimentos para os mesmos en establecementos especializados”. Non obstante, todos os mercados gandeiros e agrarios, segundo o artigo 10 do RD permanecerán fechados, a non ser que sexan subministro de alimentos para animais.

En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de prevención e recomendacións establecidas pola Consellería de Sanidade.

Hai algún protocolo específico de protección para o ámbito agrícola e gandeiro? E para o ámbito agroindustrial?

O protocolo está dispoñible no seguinte enlace:

Hai algunha limitación para a prestación de servizos de veterinaria, servizos agronómicos, servizos de maquinaria en común, recollida de forraxe e sementeiras, …?

Non. Segundo o disposto no anexo do RDL 10/2020 de 29 de marzo no punto número 10, queda permitida a actividade dos centros servizos e establecementos de atención sanitaria a animais. 

É necesario identificar os vehículos e as persoas que traballan en cada establecemento?

O RD 463/2020 no seu artigo 7, non o regula expresamente, polo que non é necesario.

Pode compartir vehículo para desprazarse dende ou ao seu lugar de traballo?

Tal e como dispón o RD 463/2020, de declaración do estado de alarma, están permitidos aqueles desprazamentos con motivo laboral, así como para desempeñar aquelas actividades que representen unha causa de forza maior, unha situación de necesidade ou análoga natureza.

Así mesmo, dende o Centro de Coordinación do Plan territorial de emerxencias de Galicia, acordouse que, de acordo aos desprazamentos dende e ao lugar de traballo, estes puidesen ser compartidos por máis dun traballador nos sectores críticos para o mantemento dos servizos esenciais e de empresas fundamentais no seguro do abastecemento da poboación e os propios servizos esenciais, entre os cales figuran os traballadores do sector primarios. O número de persoas que compartan vehículo nos casos antes expresados non poderá superar o número seguinte:

  • 2 persoas para vehículos cunha ocupación máxima de 5 persoas
  • 3 persoas para vehículos cunha ocupación máxima de 7 persoas
  • 30 % da súa ocupación para vehículos cunha ocupación superior a 9 persoas.

Ademais, o RD non contempla o requirimento de presentación de ningún tipo de salvoconduto ante os controis despregados por parte dos corpos de seguridade, servindo unha declaración xurada e un documento acreditativo da actividade que se vai a realizar.

Para mais información consultar o seguinte enlace:

Teño unha segunda vivenda onde hai animais, podo desprazarme para darlles de comer?

Tal e como dispón o RD 463/2020, de declaración do estado de alarma, están permitidos todos aqueles desprazamentos que representen unha causa de forza maior, unha situación de necesidade ou de análoga natureza, por iso e outras razóns obvias é posible desprazarse para prover de alimento e salvagardar o benestar dos animais que se atopen en vivendas secundarias. Así mesmo, estes desprazamentos deberán ser os mínimos e imprescindibles, estremando en todo caso as medidas de prevención e atendendo ás recomendacións e obrigas ditadas polas autoridades sanitarias, tales como trasladarse de xeito individual, unha persoa por vehículo. 

PERSOAL

Son persoal fixo-descontinuo da Consellería do Medio Rural e quero saber se os prazos de incorporación ao servizo vanse modificar.

Dende a Consellería estamos informando a todos os sindicatos e asociacións do servizo de todos os pasos que estamos a dar. No que se refire aos traballadores de seis meses, informaremos dos chamamentos con antelación suficiente. En canto teñamos data de incorporación trasladarémosllo aos vosos representantes. O que podemos confirmar é que o período será continuado os seis meses.

O persoal de incendios, que se suma á emerxencia vai ter capacidade sancionadora?

En primeiro lugar debemos aclarar que a primeira actividade é a loita contra os lumes. Sempre con esa premisa e coa máxima garantía da seguridade dos traballadores, poderán cumprir servizos de asistencia contra esta emerxencia sanitaria, entre outros colaboración en desinfeccións en zonas rurais, posible aprovisionamento de víveres ou material sanitario en lugares afastados no rural e disuasión de comportamentos contrarios ás normas que marca esta emerxencia sanitaria e sempre no rural galego.

Toda a actuación que se faga do servizo se fará cos protocolos e cas medidas de seguridade e materiais pertinentes.

En todo caso, estes profesionais non teñen competencia sancionadora fóra do seu ámbito, sen prexuízo de que se detectan algún comportamento contrario ao estado de alarma, darán traslado á autoridade competente.

FORESTAL

Quixera facer unha queima controlada, este servizo vese afectado?

Dende o día 16/03/2020 e ata novo aviso non está permitida a realización de queimas en terreos agrícolas, forestais ou naqueles situados en zonas de influencia forestal.

Ademais, quedan sen efecto as autorizacións e comunicacións de queimas xa notificadas ou efectuadas.

Poden continuar mantendo a actividade os aserradoiros, rematantes e viveiros forestais?

Segundo fontes da Delegación do Goberno esta actividade está permitida.

Está permitido ir a cortar leña sen que isto supoña actividade profesional?

Aqueles desprazamentos que representen unha causa de forza maior, como ter madeira para quentarse ou cociñar, son completamente xustificables. Sen embargo, débese actuar con responsabilidade e cautela atendendo ás recomendacións e obrigas ditadas polas autoridades sanitarias. 

Podo facer traballos silvícolas mentres dura o estado de alarma?

Actualmente, e mentres transcorra o estado de alarma, só está permitida a realización de aqueles traballos por parte dos profesionais do sector en atención ao punto 7 do anexo do RDL 10/2020 do 29 de marzo como consecuencia do prevención e extinción de incendios.

GANDERÍA

Vaise desenvolver un protocolo de actuación para as granxas?

Neste caso remitímonos á seguinte publicación:

A limitación da liberdade de circulación das persoas establecida polo Goberno do Estado a través do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, non afecta aos desprazamentos das ditas persoas ao lugar de traballo para efectuar a súa actividade profesional.

As actividades desenvoltas polos servizos técnicos veterinarios, polos subministradores de alimentos ou material para camas de gando, ou polo persoal que realiza a recollida de leite para as industrias lácteas corresponden á súa actividade profesional, e polo tanto non existen restricións para que se realicen.

Que lle pasa a unha explotación que está inmobilizada por saneamento gandeiro? Os veterinarios van seguir traballando?

Si, neste caso os servizos oficiais veterinarios van seguir traballando de forma presencial nestes casos:

  • Aquelas que deriven da existencia de animais reaccionantes nas Campañas de Saneamento Gandeiro na semana ou semanas anteriores a esta comunicación, e que estean pendentes de realizar: inmobilización de explotacións, marcaxe de animais,expedición de conduces...
  • Probas sanitarias de parte en relación aos programas de erradicación de enfermidades, cando tras contactar coas persoas titulares das explotacións, non se podan demorar.
  • Revisións sanitarias no marco dos programas de erradicación necesarias para determinar o status dos animais ou para desinmobilizar as explotacións que se considere que non se poden demorar, e cuxo atraso produciría un importante prexuízo para as persoas gandeiras.
  • Toma de mostras en matadoiro de animais reaccionantes positivos ou dubidosos ás probas diagnósticas da campaña de saneamento.
  • Inspeccións clínicas en animais porcinos trasladados dende países considerados de risco (todos os da Unión Europea agás Portugal e máis países terceiros), no marco do plan de vixilancia da Peste Porcina Africana.
  • Actuacións oficiais tras detectarse positivos a inhibidores en leite nas analíticas de autocontrois no LIGAL.
  • Aquelas outras actuacións que podan xurdir e que constitúan unha alerta en materia de sanidade animal, benestar animal ou seguridade alimentaria.

Suspéndense as campañas de saneamento gandeiro?

Suspéndense, inicialmente durante un período de 15 días, todas as probas diagnósticas anuais correspondentes ás Campañas de Saneamento Gandeiro.

As seccións de crédito das cooperativas poden considerarse entidades de crédito a efectos do RD Declaración do Estado de Alarma, e poden ou deben abrir?

Non consta orde expresa de peche, polo tanto deben cumprir cos requisitos de prevención esixidos pola Consellería de Sanidade.

Que fan as explotacións que xa non teñan crotais e vaian vender animais?

Neste caso deben pedir cita telefónica e falar co veterinario sobre os crotais que se precisan. O veterinario, antes da hora da cita, informatiza e prepara todo para que cando chegue o gandeiro só teña que darllos nunha bolsa.

Os operadores comerciais que traen gando de fóra de Galicia, que non poden dar de alta os animais na Oficina Agraria Virtual como deben proceder?

O operador debe solicitar cita e enviar a documentación escaneada, se é posible (senón a leva á oficina e a deixa alí). O veterinario revisa a documentación, dá de alta os animais na base de datos, imprime os DIBs, e despois só ten que devolver ao operador cando volva a documentación e os DIBs.

Os becerros pintos pódense levar directamente ao cebadeiro aínda que non haxa lonxa?

Os operadores poden ir ás granxas a buscar os becerros e levalos directamente ao punto de destino

Non teño copias cotexadas da folla de saneamento, podo mover animais bovinos, ovinos e cabrúns para vida ou con destino a matadoiro cunha copia sen cotexar?

Si, durante o período da alarma sanitaria polo coronavirus permitiranse os movementos de animais bovinos, ovinos e cabrúns, tanto para vida como para matadoiro, coa copia da folla de saneamento sen cotexar.

AGRICULTURA

Se quero dar de alta unha parcela no Craega que teño que facer?

De momento non existe indicación ningunha de que o "control físico", que se indica no Regulamento (CE) Nº 889/2008 se poida substituír por outro medio de control. Tamén indicar que o Período de Conversión das parcelas comeza a contar dende o momento en que o operador envía a solicitude de inscrición ou ampliación co listado de parcelas que quere inscribir. Dende esa data o operador adquire o compromiso de que todas as actuacións que se van realizar nas parcelas para as que solicita a inscrición/ampliación van ser acordes co actual regulamento de produción ecolóxica levando rexistro de ditas actuacións.

Podo desempeñar con normalidade as actividades agrícolas para o coidado e mantemento dos meus cultivos e/ou viñas?

No tocante aos profesionais agrícolas ou vitícolas e os seus traballadores, poderán efectuar os desprazamentos requiridos para a realización das tarefas necesarias de atención e mantemento dos cultivos e das viñas, tal e como expón a Orde do 23 de marzo pola que adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co COVID-19. 

A consideración de agricultor ou viticultor profesional realizarase por medio da inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). A través desta última, mediante o carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou por medio da tarxeta de rexistrado dispensada polo consello regulador da denominación de orixe correspondente. 

E se non son un profesional e os meus cultivos e viñas son considerados para autoconsumo?

Neste caso, os agricultores ou viticultores particulares poderán realizar só os desprazamentos mínimos e imprescindibles para o coidado dos cultivos e viñas, e sen superar os 500 metros dende a vivenda habitual. Ademais, en ningún caso poderá haber máis de dúas persoas na mesma finca e deberán respectar ás recomendacións e obrigas ditadas polas autoridades sanitarias, tales como manter unha distancia mínima dun metro e medio.

A acreditación destes desprazamentos poderá ser levada a cabo por medio do carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios. 

É aplicable o concepto de actividade esencial aos produtores e comerciantes de sementes?

No Real Decreto-Lei 10/2020 a cadea de abastecemento de alimentos e bebidas está recollida como actividade esencial, polo tanto, tanto a agricultura como aquelas empresas que lles abastecen os recursos e servizos necesarios para o seu funcionamento e que resulten imprescindibles neste momento, atópanse exceptuados o ámbito de aplicación. Os produtores e comerciantes de sementes e plantas de viveiro destinadas á produción de alimentos están polo tanto autorizados a manter a actividade. 

Considéranse imprescindibles aquelas actividades que non se podan aprazar durante 10 días, xa que do contrario suporía a paralización ou un grave risco para o subministro de alimentos. 

E que pasa co sector ornamental?

Ao non estar recollido no RDL, poderase aplicar o artigo 4 que autoriza a actividade mínima indispensable para o mantemento dos viveiros, pero non á comercialización da planta. Tamén neste caso considéranse imprescindibles aquelas actividades que non se podan aprazar durante 10 días, xa que do contrario suporía un grave risco para a actividade futura da instalación. 

APICULTURA

Podo desprazarme ás colmeas para o mantemento da actividade apícola?

Tal e como dispón o RD 463/2020, de declaración do estado de alarma, só están permitidos os desprazamentos mínimos e imprescindibles, así como aquelas tarefas que representen unha causa de forza maior ou situación de necesidade e non supoñan un risco de contaxio. 

Para a acreditación do carácter de apicultor/a, que xustifique a realización deses desprazamentos, é suficiente coa inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e que leven consigo o caderno de explotación apícola.