Nova

Compartir

A Xunta colabora co concello de ordes na rehabilitación integral do local social de Bailía

1 de 2
2 de 2

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, visitou as instalacións situadas na parroquia de Leira, que veñen de rematar as súas obras

Dentro das actuacións realizadas instalouse unha nova rede eléctrica e un sistema de calefacción, ademais de traballos de albanelaría e acondicionamento do terreo

Ordes (A Coruña), 3 de abril de 2024

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada do alcalde de Ordes, José Luis Martínez, visitou o local social de Bailía, situado na parroquia de Leira deste concello coruñés, que acaba de rematar as súas obras de reacondicionamento grazas a un convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e o Concello.

As actuacións realizadas, que contaron cun orzamento de algo máis de 48.000 euros, tiñan como obxectivo a mellora do local social de Bailía, co fin de mellorar a calidade de vida da poboación que reside nesa parroquia e contribuír a fixar a poboación do núcleo de Bailía.

As obras consistiron na rehabilitación integral do edificio. Neste sentido, realizáronse accións relacionadas co acondicionamento do terreo, instalouse unha nova rede eléctrica, un sistema de calefacción e colocouse illamento acústico. Ademais, tamén se executaron traballos de albanelaría.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no marco das súas competencias e dentro das súas accións estratéxicas, vén apoiando, mediante axudas a través de convenios diversas actuacións en espazos cuxas características son de especial relevancia para o desenvolvemento rural que os fan merecedores de apoio económico.

Imaxes relacionadas