Nova

Compartir

A Xunta mellora as pistas, os cortalumes e as infraestruturas preventivas do concello de Folgoso do Courel cun investimento de case 80.000 euros

As obras que se executaron abarcaron unha superficie total de 84,8 hectáreas, situadas en montes das parroquias de San Silvestre, San Vicente, Santa María e San Xoán

Todas estas actuacións teñen como obxectivo final evitar que o lume, en caso de producirse, se propague e así minimizar os danos causados no patrimonio forestal

Folgoso do Courel (Lugo), 14 de xaneiro de 2022.- A Xunta investiu preto de 80.000 euros en varias obras preventivas nos montes de xestión pública situados no concello de Folgoso do Courel. Así o destacou esta mañá o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, tras supervisar varias destas obras de mellora de pistas e cortalumes. Na súa visita estivo acompañado pola alcaldesa deste municipio lugués, Dolores Castro.

Neste senso, o director xeral lembrou que este tipo de actuacións permiten ter un monte limpo e seguro ante a aparición de posibles incendios forestais, ao ter as vías de acceso en boas condicións para o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais. Así, lembrou que a Xunta investiu o pasado ano 2021 preto de 30 millóns de euros no Plan de prevención de incendios forestais, co que se actuou en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación.

Nesta liña, as obras que se executaron neste concello abarcaron unha superficie total de 84,8 hectáreas, das cales 22 ha están situadas nos montes de Escrita e Monteiros (parroquia de San Silvestre) e 62,8 hectáreas pertencentes ás parroquias de San Vicente, Santa María e San Xoán. Os traballos consistiron na creación e mellora de cortalumes, co fin de crear descontinuidades na vexetación de cara a deter un posible incendio forestal.

Tamén se realizaron actuacións dirixidas ao mantemento de infraestruturas preventivas, tales como pistas forestais, coa colocación de pasos de auga, creación de novas vías e acondicionamento das existentes. Por último, xestionouse a biomasa en zonas estratéxicas, creando e mellorando infraestruturas como pistas forestais, devasas e puntos de auga. Todas estas actuacións, remarcou o director xeral, teñen como obxectivo final o de evitar que o lume, en caso de producirse, se propague e así minimizar os danos causados no patrimonio forestal.

Galería