Nova

Compartir

A Xunta pon de relevo o seu traballo a prol da recuperación dos terreos afectados por lumes forestais nun obradoiro telemático europeo

A investigadora do CIF de Lourizán Cristina Fernández participou esta semana nun taller sobre os labores de restauración tras os incendios, organizado pola Comisión Europea para aplicar os coñecementos adquiridos en áreas queimadas en Grecia

Ademais de expertos do país heleno, participaron profesionais de España, Portugal e Alemaña, abordando as tarefas máis indicadas así como a coordinación entre administracións para recuperar a biodiversidade e os ecosistemas danados
 

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2022.- A Xunta vén de poñer de relevo o seu traballo a prol da recuperación dos terreos afectados por lumes forestais nun obradoiro telemático organizado pola Comisión Europea para aplicar os coñecementos adquiridos en áreas queimadas en Grecia no pasado verán. Así, a investigadora Cristina Fernández Filgueira, referente polo seu labor técnico no seo do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, debullou as tarefas desenvolvidas ao respecto en Galicia, xunto con expertos do resto de España, de Portugal, de Alemaña e do propio país heleno.

Nesa liña, a investigadora galega referiuse aos tratamentos levados a cabo pola Xunta para mitigar o risco de erosión. Así, sinalou que se ten recorrido a técnicas como o mulching ou o helimulching, en función de se os traballos se fan en áreas accesibles a pé ou en zonas de forte pendente, onde é preciso o helicóptero. Esta técnica, que permite crear unha cuberta protectora do solo empregando materiais como a palla de cereais (de trigo, de cebada ou de centeo habitualmente), debe aplicarse de xeito que cubra máis do 70% do terreo queimado, porcentaxe a partir da cal se consideran eficaces as medidas para reducir significativamente a erosión.

Segundo o explicado por Cristina Fernández, unha vez analizada a evolución en períodos de seis meses tras os lumes que presentan riscos de erosión, o mulching ten reducido as perdas de solo máis dun 90% aplicado a escala operacional. De cara á súa aplicación, engadiu que é clave o traballo conxunto dos investigadores, dos xestores e dos propietarios dos terreos, para seleccionar as áreas prioritarias de actuación e minimizar as perdas de biodiversidade, así como os danos aos ecosistemas.

Colaboración comunitaria

O obradoiro virtual celebrado esta semana tiña como obxectivo aprender de diversos expertos que se enfrontan en Europa aos procesos de recuperación tras os incendios forestais. Nesa dirección, por unha banda, buscábase apoiar a Grecia para que poida restaurar áreas queimadas como as da illa de Evia e, por outra, axudar ao país na creación dun polo de expertos e coñecementos para o deseño, implantación e seguimento das medidas necesarias tras os lumes.

O apoio tamén consistiu en enxalzar o papel da coordinación entre as distintas administracións de cara á prevención, resposta e recuperación das zonas queimadas dentro do prisma da biodiversidade.