Nova

Compartir

Galicia acollerá en maio o congreso internacional de innovación rural no agro “Spin rural”

Inés Santé, que estivo acompañada pola secretaria xeral da axencia, Luisa Boquete, avanzou a axenda de actividades desta entidade para 2022, na que se dará prioridade á execución das ferramentas da Lei de recuperación da terra

Outras citas destacadas serán as novas edicións de “Alma Rural”, evento centrado na posta en valor do papel da muller no agro, e dos premios ao desenvolvemento rural 2022, que terán lugar en outubro e novembro, respectivamente

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2022.- Galicia acollerá no vindeiro mes de maio un congreso internacional de innovación rural que levará por título “Spin Rural” e que estará organizado pola Xunta. Está previsto celebrar esta cita entre o 4 e o 6 de maio deste 2022, segundo anunciou hoxe a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, durante a súa intervención telemática no evento on line Facebook Live, no que tamén participou a secretaria xeral desta axencia, Luisa Boquete.

Ambas responsables da Consellería do Medio Rural informaron nesta cita on line sobre a celebración do devandito evento arredor da innovación no agro dentro da axenda para 2022 da Axencia. Ademais, trasladaron tamén outros anuncios. Entre eles, a próxima apertura da segunda consulta pública ao mercado do proxecto “Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles”. Neste contexto, avanzaron tamén a publicación, en breve, de diversas convocatorias de axudas no Diario Oficial de Galicia, complementarias e vinculadas aos proxectos de recuperación da terra. Trátase das destinadas a servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos vinculados a instrumentos de recuperación de terras e tamén das de posta en marcha de novas actividades produtivas non agrarias en aldeas modelo.

Por outra banda, neste evento tamén se anunciou que unha das prioridades da Consellería para o inmediato futuro é continuar coa execución da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Nese sentido, seguiranse impulsando as diversas ferramentas creadas por esta norma e, dentro delas, deuse a coñecer a declaración, hoxe mesmo, de tres novas aldeas modelo. Trátase da de Francos de Proendos, en Sober (Lugo) e das de Covelo, no concello de Taboadela, e Carzoá, no municipio de Cualedro, ambas na provincia de Ourense.

“Alma Rural”, dedicado á muller

Outro anuncio trasladado polas responsables da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ten que ver coa celebración, o vindeiro día 15 de outubro, dunha nova edición do evento “Alma Rural”, que ten como principal obxectivo a posta en valor do papel da muller no agro galego. Case un mes despois, o 11 de novembro, terá lugar unha nova entrega dos premios ao desenvolvemento rural, tal e como avanzaron tamén as representantes da Axencia. Por último, outro dos fitos que marcará a actividade da Xunta neste eido será a presentación do Plan de coordinación estratéxica cos grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia.