Nova

Compartir

A Xunta presentou en Fitur a súa campaña Galicia etiqueta calidade para promocionar os produtos con selo de garantía do agro e do mar

José Luis Cabarcos reiterou que, para garantir o futuro dos produtores, a Xunta está a impulsar medidas como a Estratexia do lácteo e do viño -xa en marcha- e a da carne -na que se está a traballar-; a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e o Plan forestal de Galicia ata 2040

Recordou que a marca Galicia Calidade contará cunha sección nova, Galicia Calidade Alimentaria, que agrupará os produtos con denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas do agro e do mar, marcas de garantía como Galega 100%, os produtos das razas autóctonas e o selo pescadeRías

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2022.- A Xunta presentou esta semana na Feira Internacional de Turismo – Fitur 2022 de Madrid a nova campaña Galicia Etiqueta Calidade, promovida pola Consellería do Medio Rural para divulgar o bo facer da xente do mar e do agro e promocionar así as 36 certificacións agroalimentarias de calidade que hai na Comunidade galega.

Así, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, foi o encargado de dar a coñecer esta iniciativa, que contou cun orzamento de 700.000 euros, e que vai da man das estratexias sectoriais que ten en marcha a Xunta, permitindo avanzar nos sectores máis punteiros de Galicia.

Neste senso, José Luis Cabarcos reiterou que, para garantir o futuro dos produtores, a Xunta está a impulsar medidas como a Estratexia do lácteo e do viño xa en marcha e a da carne na que se está a traballar; a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia con figuras como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais e as agrupacións de xestión conxunta; ou o Plan forestal de Galicia ata 2040, que aspira a mobilizar 4.900 M€ entre fondos públicos e privados, entre outras accións.

Ademais, durante a súa exposición, José Luis Cabarcos puxo en valor os produtos de calidade galegos, os cales fan de Galicia un destino turístico e gastronómico por excelencia. Así, recordou que a marca Galicia Calidade contará cunha sección chamada Galicia Calidade Alimentaria. Este novo distintivo, indicou o director, agrupará os produtos con denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas do agro e do mar, marcas de garantía como Galega 100%, as producións derivadas das razas autóctonas e o selo pescadeRías.

Por último, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria tamén deu a coñecer o mercado dixital oficial no que os produtores poderán vender estas producións, establecendo contacto eles mesmos co consumidor. Trátase, así, dun verdadeiro mercado online, no que se poderán comercializar os produtos de excelencia de Galicia cun só clic.