Nova

Compartir

As agrupacións de defensa sanitaria gandeiras teñen ata o vindeiro día 15 de febreiro para solicitar as axudas da Xunta que apoian a súa actividade en materia de sanidade animal

1 de 1

A convocatoria destas achegas correspondente ao ano 2024 publicouse o pasado día 15 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia (DOG), cunha dotación económica de 2.280.000 euros

As subvencións destinaranse aos programas de planificación zoosanitaria que se desenvolvan entre o 1 de marzo de 2024 e o 28 de febreiro de 2025

Estas entidades desenvolven os programas de prevención e control de determinadas enfermidades animais, que melloran as condicións hixiénicas e de benestar animal das explotacións e contribúen a manter o bo estado sanitario da cabana galega

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2024

As agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia teñen de prazo ata o vindeiro xoves, día 15 de febreiro, para solicitar as axudas destinadas a financiar o traballo que realizan estas entidades no desenvolvemento dos programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais, así como na súa participación na rede galega de epidemiovixilancia deste tipo de doenzas. A convocatoria destas achegas correspondente ao ano 2024 publicouse o pasado día 15 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia (DOG), cunha dotación económica de 2.280.000 euros.

Esta orde subvencionará os programas de planificación zoosanitaria que se desenvolvan entre o 1 de marzo de 2024 e o 28 de febreiro de 2025. Estes programas reforzan as condicións hixiénicas das explotacións e de benestar animal, elevan o seu nivel produtivo e sanitario e contribúen a acadar un mellor status sanitario para a cabana gandeira galega.

A finalidade última destas axudas é seguir mellorando o estado sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns para a prevención e control de enfermidades dos animais. Asemade, no marco do mercado actual, resulta fundamental manter o devandito estado sanitario, desenvolvendo programas destinados ao control de determinadas doenzas, mellorando a rendibilidade e asegurando a comercialización de animais e dos produtos de orixe animal.

Así, as ADSG tamén facilitan o cumprimento da normativa vixente referente á identificación, ao benestar e á sanidade animal. Mediante estas achegas, preténdese avanzar na integración de gandeiros nestas entidades, establecendo axudas proporcionais ao esforzo económico que realizan estas agrupacións nos devanditos programas.

Estrutura asociativa

A maiores, no contexto do mantemento do nivel da sanidade animal, resulta determinante consolidar esta estrutura asociativa das ADSG, vinculada aos propios gandeiros. Así, entre as enfermidades con programa sanitario nas agrupacións atópanse a rinotraqueíte infecciosa bovina (IBR), a diarrea vírica bovina (BVD) ou a paratuberculose no gando bovino, ovino e cabrún. Tamén están incluídas a enfermidade de Aujeszky, no gando porcino; a salmonelose, nas explotacións aviares; ou a mixomatose e a enfermidade vírica hemorráxica, nos coellos.

Ademais, as ADSG poden executar as medidas adicionais en materia sanitaria que sexan necesarias nas explotacións a elas adheridas, segundo as condicións sanitarias da zona e as características particulares de cada agrupación, polo que poden colaborar na vixilancia de enfermidades como a lingua azul ou a enfermidade hemorráxica epizoótica ou na vacinación de lingua azul. As axudas están destinadas a financiar o persoal técnico veterinario das agrupacións, así como os custes do material funxible que utilizan nos programas sanitarios.

 

Imaxes relacionadas