Nova

Compartir

A Xunta mobiliza case 300.000 euros en diversos proxectos de desenvolvemento rural nos Ancares lucenses a través da medida Leader

Inés Santé visitou o centro de desenvolvemento rural promovido polo cineasta Oliver Laxe, un espazo de emprendemento e a cooperativa impulsora da marca “O Sabor dos Ancares”

A directora xeral e o delegado de Lugo tamén comprobaron os avances dun proxecto de aproveitamento de soutos e manterán encontros cos veciños para avaliar novas iniciativas de recuperación de terras

Navia de Suarna (Lugo), 23 de febreiro de 2021.- A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, visitou hoxe os Ancares lucenses para coñecer diversas iniciativas de dinamización do territorio impulsadas co apoio da Xunta de Galicia. Estivo acompañada polo delegado territorial en Lugo, Javier Arias, e polo cineasta Oliver Laxe, presidente da Asociación Ser. Este colectivo foi, precisamente, o promotor do Centro de desenvolvemento rural Casa Quindós, actualmente en construción, situado en Navia de Suarna e que recibiu unha axuda cofinanciada pola Xunta de 187.064 euros ao abeiro da medida Leader.

Trátase dunha plataforma para organizar obradoiros, proxeccións, conferencias ou encontros de carácter cultural sobre o traballo levado a cabo no souto de Vilela, que constitúe o eixe vertebrador do proxecto. Cabe sinalar que a sede do Centro, a Casa Quindós de Vilela, foi edificada a finais dos anos sesenta sobre os restos dunha palloza e agora se redefiniu en distintas aulas e espazos.

Na súa visita, Inés Santé coñeceu ademais o proxecto de control de mato con gando cabrún que se leva a cabo na zona da aldea de Vilela e, neste mesmo concello de Navia de Suarna, desprazouse tamén ao centro de emprendemento Casa Quiñones, relacionado coas novas tecnoloxías e o sector dixital e concibido para atraer novos habitantes ao rural.

O proxecto -que recibiu unha achega cofinanciada pola Xunta de 86.060 euros no marco da medida Leader- persegue ofrecerlles a estas persoas un lugar de residencia temporal e un espazo que lles sirva de punto de encontro, ocio e traballo, co propósito de que decidan establecerse definitivamente. Cómpre apuntar que a iniciativa abrangueu o alugueiro de tres apartamentos e de dúas parcelas, así como o equipamento, as enerxías renovables e as TIC necesarias para a súa explotación. Neste encontro, tamén se tratou a posibilidade de levar a cabo un polígono agrogandeiro no lugar de Barcia, no marco da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

A maiores, a directora xeral da Agader visitou unha zona de aproveitamento de montes para pasteiros na aldea de Cerredo, tamén en Navia de Suarna. No ámbito deste acto, analizáronse as vantaxes que supuxo a campaña de marketing impulsada pola cooperativa Carqueixa para divulgar, diversificar e mellorar a marca “O sabor dos Ancares”, que contou cunha axuda cofinanciada pola Xunta de 20.000 euros no marco da Leader.

Deste xeito, mediante unha web específica, déronse a coñecer produtos como a carne, o mel ou as castañas desta comarca, para poñer en valor as súas características e poder envialos a domicilio, centrándose nas posibilidades que ofrecen os restaurantes, as tendas de produtos gourmet ou os centros educativos. O proxecto conta cunha compoñente turística, con visitas previstas para que os colexios poidan levar a cabo diversas actividades e degustar a carne e outros produtos do territorio. Cómpre poñer de relevo que todos estes proxectos se xestionaron a través da Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais (GDR 3).

Lei de recuperación da terra

A visita da directora xeral da Agader aos Ancares tamén se centrou no potencial desta comarca luguesa para implantar instrumentos de mobilización ao abeiro da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, Inés Santé reuniuse con veciños de Vilaber, no concello de Cervantes, para comprobar os avances dun proxecto de aproveitamento de soutos e ver como podería encaixar nas figuras de recuperación que incluirá a norma, así como no Plan estratéxico do castiñeiro que promove a Consellería do Medio Rural.

Así mesmo, a directora xeral manterá encontros con veciños da aldea de Deba -en Cervantes- e de Coruxedo -en Navia de Suarna-, promotores neste último caso dun proxecto de rutas a cabalo. A todas estas xuntanzas asisten tamén técnicos da Consellería para analizar as distintas ferramentas de mobilización dispoñibles e o seu encaixe na comarca lucense.

Galería

A Xunta mobiliza case 300.000 euros en diversos proxectos de desenvolvemento rural nos Ancares lucenses a través da medida Leader
A Xunta mobiliza case 300.000 euros en diversos proxectos de desenvolvemento rural nos Ancares lucenses a través da medida Leader
A Xunta mobiliza case 300.000 euros en diversos proxectos de desenvolvemento rural nos Ancares lucenses a través da medida Leader