Nova

Compartir

A Xunta defende o alto grao de consenso sectorial acadado na primeira revisión do Plan forestal de Galicia

José González aclarou ademais que, por tratarse dun decreto da Xunta, a súa tramitación non precisaba pasar pola Cámara autonómica, pero que aínda así se quixo someter á súa consideración, por respecto á institución

Puxo como exemplos dese consenso o feito de que o Plan recolla 101 das 115 directrices do Grupo de Traballo creado no 2015 no Consello Forestal e que incorpore o 75% das recomendacións da Comisión parlamentaria forestal

Avanzou que o inventario forestal continuo de Galicia estará operativo entre finais deste ano e principios do 2022

Propuxo aos grupos da Cámara transaccionar unha suspensión temporal das novas plantacións de eucaliptos en Galicia, naquelas superficies nas que non se tiveran plantado ata o momento de adoptar esta medida
 

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2021.- O conselleiro do Medio Rural, José González, defendeu hoxe no Parlamento o alto grao de consenso acadado para a elaboración da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia (PFG), “cara á neutralidade carbónica”. Nesta liña, aclarou ademais que a tramitación deste documento non precisaba pasar pola Cámara autonómica, por tratarse dun decreto da Xunta, pero aínda así se quixo someter á súa consideración, por respecto á institución.

O conselleiro lembrou que o PFG naceu “froito do traballo conxunto de todo o sector forestal”, polo que rexeitou as críticas sobre unha suposta falla de consenso na súa tramitación. Puxo como exemplo disto o feito de que o Plan recolla 101 das 115 directrices do Grupo de Traballo creado no 2015 dentro do Consello Forestal de Galicia. Este labor amosou unha “participación activa moi destacable” por parte do sector directamente implicado. González lembrou que as directrices se votaron e foron aprobadas na práctica totalidade dos casos. Engadiu ademais que varias das organizacións que hoxe se opoñen ao Plan no seu día participaron no grupo de traballo e votaron a favor das directrices que agora se recollen no documento.

Ademais, o titular de Medio Rural cualificou como “realista” o Plan, xa que “está deseñado con 4.900 millóns de euros de orzamento para ata o ano 2040, cunhas liñas estratéxicas completas e transversais”. Nesta mesma liña, José González destacou que o Plan dá cumprimento ao 75% das recomendacións do ditame aprobado no Parlamento cos votos favorables dos grupos popular e do PSdG-PSOE na anterior lexislatura. Puntualizou, asemade, que no ano 2018 foi preciso “refacer” o Plan, precisamente para dar cabida a estas recomendacións e cumprir o mandato parlamentario.

O conselleiro recordou que tamén había un consenso de todo o sector forestal sobre a necesidade de ter un inventario forestal o máis actualizado posible. Por este motivo, explicou , asinouse un convenio coas universidades galegas que permitirá a Galicia ser a primeira comunidade autónoma en ter un inventario forestal propio e actualizado de forma moito máis áxil que os do Goberno central. E engadiu que “teremos información dese inventario entre finais deste ano e principios do 2022”.

Por todo o dito, o titular de Medio Rural aseverou que, asumida esta necesidade, tanto a Xunta como o sector entenderon que a mellor solución era presentar o Plan Forestal coa previsión de ir actualizando os seus datos en canto estivera dispoñible o devandito inventario forestal galego. E regular revisións quinquenais do Plan, que permitirán reaccionar de xeito áxil aos resultados dese inventario. Por iso, o conselleiro amosou a súa sorpresa diante das críticas que falan de que o Plan se basea nun inventario “desactualizado”, xa que a decisión de presentar a planificación tomouse de acordo con todo o sector forestal galego.

Nesta liña de procurar o máximo consenso posible, José González tendeu a man a todos os grupos da Cámara coa proposta de transaccionar unha regulación, por parte da Xunta, “da forma máis inmediata posible e co rango normativo necesario”, dunha suspensión temporal das novas plantacións de eucaliptos en Galicia, naquelas superficies nas que non se tiveran plantado ata o momento de adoptar esta medida. Polo tanto, remarcou, “a superficie de eucalipto na nosa comunidade non aumentará a partires desta suspensión”.

Obxectivos do Plan

O conselleiro reiterou no Parlamento que o Plan Forestal ten como principal obxectivo conservar os ecosistemas cunha xestión activa, a través do fomento da biodiversidade e multifuncionalidade, coa loita contra o cambio climático e co fomento de enerxías renovables. Todo isto sempre acompañado dunha mellora xenética e da conservación dos recursos forestais.

Nesta liña, defendeu “un monte ordenado e certificado, con 850.000 hectáreas baixo instrumentos de ordenación e xestión, das que 650.000 contarán con certificación forestal”. Tamén, un monte multifuncional con actividade gandeira, recursos xenéticos, montes protectores, infraestruturas verdes e fixación de poboación no rural.

Salientou ademais a necesidade de acadar un monte diverso, cunha maior superficie de coníferas, soutos e frondosas caducifolias, así como coa diminución da superficie de eucalipto nun 5% respecto á actual. Un monte con madeira en cantidade e calidade; un monte resiliente e saudable, cun programa de saúde e vitalidade forestal, e un monte fiable, innovador e dixitalizado, a través dun programa de fomento do I+D+i dotado con 135 millóns de euros e coa creación da oficina virtual forestal de Galicia.
 

Galería

A Xunta defende o alto grao de consenso sectorial acadado na primeira revisión do Plan forestal de Galicia
A Xunta defende o alto grao de consenso sectorial acadado na primeira revisión do Plan forestal de Galicia