Nova

Compartir

A Xunta recuperará en primavera case 750 hectáreas de pastos en montes veciñais de 24 concellos galegos cun investimento de 4 M€

A segunda fase deste plan prevé intervencións en 30 montes veciñais

Da superficie total, 178 hectáreas corresponderán á provincia de Ourense, con actuacións na Veiga, Allariz, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Laza, Maceda, Vilariño de Conso e O Irixo

Este plan contempla no seu conxunto poñer en valor ata 2.250 hectáreas en toda Galicia cun investimento de arredor de 9,5 millóns de euros

José González agradeceu a implicación dos veciños de Lucenza nestes labores, algo polo que recibiron un dos premios Agader 2020 e lembrou que a convocatoria na súa edición deste ano estará aberta ata o 11 de marzo

Cualedro (Ourense), 20 de febreiro de 2021.- O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e do alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, visitou hoxe a parroquia de Lucenza, para coñecer os traballos realizados ao abeiro da primeira fase do plan de pastos de Galicia. Alí destacou que esta iniciativa contempla, en diversas fases, actuacións nun total de 2.250 hectáreas, cun investimento conxunto de 9,5 millóns de euros.

Na visita, José González anunciou unha segunda fase do plan, que comezará na vindeira primavera e que permitirá poñer en valor un total de 30 montes veciñais pertencentes a 24 concellos galegos. O investimento programado achégase aos 4 millóns de euros e a superficie da actuación roldará as 744 hectáreas, das que case 178 corresponden ao territorio de Ourense. Neste caso, os concellos beneficiados desta provincia serán os da Veiga, Allariz, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Laza, Maceda, Vilariño de Conso e O Irixo, segundo apuntou o conselleiro.

Neste senso, o titular de Medio Rural lembrou que este plan busca promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para traballar na anticipación aos incendios forestais e para garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural. Ademais, José González sinalou que, no marco da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, é preciso converter o rural galego nun territorio resistente aos incendios forestais mediante a instalación de actividades económicas como, neste caso, a gandaría en extensivo e outras iniciativas que permitan anticiparse aos lumes, como poden ser os distintos instrumentos de mobilización de terras que ofrece esta futura norma.

No caso concreto desta parroquia de Lucenza, José González explicou que os labores abrangueron case 22 hectáreas, que facilitarán o pastoreo do gando en extensivo e contribuirán a esa anticipación aos lumes. Ademais, o conselleiro sinalou que nesta primeira fase do plan tamén se executaron na provincia de Ourense pastos en Beariz (case 17 hectáreas), Ramirás (13 hectáreas), Sarreaus (88 hectáreas), Montederramo (34 hectáreas) e Paderne de Allariz (algo máis de 9 hectáreas). En total, pois, máis de 182 hectáreas na provincia incluíndo a superficie da intervención en Lucenza e unhas 560 hectáreas en toda Galicia, cun investimento total de 2,3 millóns de euros.

Implicación veciñal

Na súa intervención, o titular de Medio Rural agradeceu tamén a implicación dos veciños de Lucenza nestes labores, unha disposición que lles fixo acredores, o pasado ano, ao premio Agader dentro da categoría de loita contra o abandono e en prol da mobilidade de terras. O conselleiro recordou que o prazo para presentar candidaturas a estes galardóns neste 2021 estará aberto ata o vindeiro día 11 de marzo.

Advertiu ademais que a convocatoria vén de publicarse recentemente no Diario Oficial de Galicia e que establece unha contía económica de 80.000 euros para repartir entre as oito categorías establecidas. Uns fondos que deberán ser reinvestidos nos proxectos galardoados, remarcou González, quen afirmou que con estes premios a Xunta pretende recoñecer aquelas iniciativas que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada.

Por último, cara o futuro, o conselleiro do Medio Rural amosou a súa confianza en seguir avanzando con plans como o de pastos e co amparo legal que ofrecerá a futura lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en trámite no Parlamento galego.

Galería

A Xunta recuperará en primavera case 750 hectáreas de pastos en montes veciñais de 24 concellos galegos cun investimento de 4 M€
A Xunta recuperará en primavera case 750 hectáreas de pastos en montes veciñais de 24 concellos galegos cun investimento de 4 M€
A Xunta recuperará en primavera case 750 hectáreas de pastos en montes veciñais de 24 concellos galegos cun investimento de 4 M€
A Xunta recuperará en primavera case 750 hectáreas de pastos en montes veciñais de 24 concellos galegos cun investimento de 4 M€