Nova

Compartir
O conselleiro de Medio Rural, José González, na xuntanza telemática coa alcaldesa de Rairiz de Veiga

A Xunta e o Concello de Rairiz de Veiga colaboran para avanzar nas reestruturacións parcelarias e na recuperación de terras en estado de abandono

José González e Inés Santé trasladáronlle á rexedora os avances arredor da parcelaria de Rairiz, co obxectivo de decretala este mesmo ano

Cabe sinalar que o concello de Rairiz de Veiga ten unha contía asignada de case 40.000 euros no Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022
 

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2021.- O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza telemática coa alcaldesa de Rairiz de Veiga, Josefa Morgade, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio ourensán. Acompañados pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, analizaron o estado de diversas reestruturacións parcelarias da localidade, así como os diferentes instrumentos de mobilización que contempla a futura Lei de recuperación da terra agraria para avaliar as posibilidades que ofrecen figuras como os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo.

Primeiramente, os dous representantes de Medio Rural trasladáronlle á rexedora os avances arredor da parcelaria de Rairiz, xa que os técnicos rematarán de concretar o seu perímetro nas próximas semanas co obxectivo de decretala este mesmo ano. Mentres continúan os traballos ao respecto da reestruturación de Sabariz, o conselleiro e a directora xeral avanzaron unha visita á zona de Congostro, para avaliar a situación desta reestruturación.

Nesa liña, o conselleiro sinalou que a futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia -actualmente en trámite parlamentario- ten como principal obxectivo promover a recuperación das terras en estado de abandono ou infrautilización para devolvelas á produción e darlle base territorial a quen a desexe traballar. Desta forma, preténdese revitalizar o rural ao abeiro dos seus tres usos fundamentais -agrícola, gandeiro e forestal- e traballar así pola recuperación demográfica, pola mellora da calidade de vida da poboación e pola anticipación aos incendios.

Aínda en relación a norma, José González e Inés Santé confirmáronlle á alcaldesa Josefa Morgade que os técnicos da Agader están a avaliar a solicitude de aldea modelo feita polo Concello para dinamizar o núcleo de Lampaza.

Mellora de camiños

Noutra orde de cousas, cabe sinalar que o concello de Rairiz de Veiga ten unha contía asignada de case 40.000 euros no Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022. Este programa, cuxo orzamento global ascende a máis de 14,3 millóns de euros, permite dotar aos concellos galegos de axudas para ampliar, mellorar ou manter os camiños municipais que dan acceso a, cando menos, dúas parcelas agrícolas, incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía como un aumento da súa lonxitude se rematan nunha estrada ou noutro camiño.

Así mesmo, tamén se subvenciona o reforzo do firme, de noiros ou de cunetas, as obras de mellora da sinalización ou da drenaxe e a adecuación de traballos de paso de cursos fluviais, así como o mantemento do firme, a limpeza das marxes do camiño ou o reforzo dos terrapléns.

Galería

A Xunta e o Concello de Rairiz de Veiga colaboran para avanzar nas reestruturacións parcelarias e na recuperación de terras en estado de abandono
A Xunta e o Concello de Rairiz de Veiga colaboran para avanzar nas reestruturacións parcelarias e na recuperación de terras en estado de abandono