Nova
A Xunta pon en valor o pulo económico e social do sector lácteo galego, que xerou un valor de mercado de máis de 1.300 M€ o ano pasado
Ademais, o sector lácteo produciu no 2022 preto de tres millóns de toneladas de leite, que equivalen ao 41 % da produción española, indicou José Balseiros
A Xunta está a levar a cabo diversas liñas de traballo para continuar cos bos resultados do sector primario con medidas como a Contaláctea ou varias liñas de axudas, cuxo investimento ascende a uns 300 millóns de euros en total
Santa Comba (A Coruña), 18 de marzo de 2023 O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, clausurou hoxe as Xornadas técnicas agrícolas especializadas, no marco da Semana do leite de Santa Comba.
Na súa intervención, o director xeral destacou a importancia do sector primario galego, sobre todo grazas á gandaría -dixo-, que produce máis de 400.000 toneladas de carne cada ano. Mais o maior pulo económico e social do noso agro débese ao sector lácteo -sinalou-, que no 2022 produciu case tres millóns de toneladas de leite -o 41 % da produción española- e tivo un valor de mercado superior aos 1.300 millóns de euros.