Nova

Compartir
A Xunta acondiciona un camiño no Concello do Pino por importe superior aos 48.300 euros

A Xunta acondiciona un camiño no Concello do Pino por importe superior aos 48.300 euros

A obra consiste no acondicionamento do camiño de titularidade municipal de Frechazo Último a Leiras, cunha lonxitude total de actuación de 2.135 metros lineais
 

Esta axuda vén a complementar as recibidas nos últimos anos ao abeiro do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, que ascenden a 400.000 euros desde 2018
 

Está aberto o prazo para solicitar as achegas da nova convocatoria do Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024, o cal está dotado con preto de 18 millóns de euros
 

A Consellería do Medio Rural está traballando nun Plan extraordinario para arranxar camiños en concentracións parcelarias, dotado con 6 millóns de euros
 

O Pino (A Coruña), 18 de marzo de 2023 A Consellería do Medio Rural colabora co Concello do Pino na mellora do seu viario rural, mediante o acondicionamento dun camiño por importe superior aos 48.300 euros. Así o acordaron o conselleiro do Medio Rural, José González, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, tras supervisar de primeira man o estado deste viario, acompañados polo alcalde, Manuel Taboada.

Así, a obra consiste no acondicionamento do camiño de titularidade municipal de Frechazo Último a Leiras, cunha lonxitude total de actuación de 2.135 metros lineais. Procederase ao seu bacheo e asfaltado, mellorando desta forma a capa de rodaxe. Así mesmo, procederase á apertura de gabias e limpeza de salvagabias para unha correcta drenaxe lonxitudinal e transversal. Nunha parte deste camiño, tamén se colocará unha varanda metálica de seguridade á altura do Río das Lañas. As obras acaban de comezar e teñen un prazo de execución de catro meses.  

Plan de mellora de camiños

Esta axuda vén a complementar as recibidas nos últimos anos ao abeiro do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas. Así, desde o ano 2018, o concello do Pino foi beneficiario de algo máis de 400.000 euros para arranxar diversos viarios.

De feito, a nova convocatoria de 2023 deste Plan de mellora de camiños rurais -dotada con preto de 18 millóns de euros- permanece aberta ata o vindeiro 3 de abril. Con estas achegas, búscase facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación. Considéranse obras de ampliación aquelas que supoñan un incremento da largura que incidan na mellora da seguranza viaria, permitan o cruce de vehículos ou sobrelargos necesarios en zonas de curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos. Por outra banda, son actuacións de mellora aquelas que supoñan un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado que soportan.     
 

De feito, cómpre engadir que entre 2016 e 2022, a Xunta destinou máis de 104 millóns de euros para a mellora de 4.830 camiños, o que supón a intervención nun total de 3.800 quilómetros de vías rurais. Ademais, a Xunta está a traballar nun Plan extraordinario para arranxar camiños en concentracións parcelarias, que estará dotado con 6 millóns de euros neste 2023.

Galería