Nova

Compartir

A Xunta e o Concello de Oímbra asinan un convenio para mellorar o local social de San Cibrao, co fin de poñer en valor un espazo dinamizador para a veciñanza

1 de 1

A través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural levarase a cabo este proxecto, cun investimento de arredor de 48.000 euros, que permitirá levar a cabo unha actuación para a renovación de cubrición de tellado e a restauración de muros 

O obxectivo é a promoción e posta en valor dun espazo marcado polo seu significado social e cultural na contorna, polo que esta iniciativa favorecerá a mellora da calidade de vida da poboación que reside nesta parroquia e contribuirá á fixación de poboación

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2024

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, vén de asinar un convenio co Concello de Oímbra para levar a cabo actuacións nesta localidade ourensá. As accións consistirán na renovación de cubrición de tellado e a restauración de muros do local social de San Cibrao, cun investimento de arredor de 48.000 euros, para favorecer a promoción e posta en valor da vida social, cultural e educativa da comarca.

A edificación obxecto deste convenio precisa dun reacondicionamento das súas instalacións dada a antigüidade das mesmas. Por iso, sumado á súa relevancia para a veciñanza, levarase a cabo este proxecto que se desenvolverá dentro dunha visión apropiada á arquitectura da contorna para que o edificio ofreza unhas condicións adecuadas para desempeñar diferentes actividades nela.

O principal obxectivo destas actuacións é a procura da rendibilidade deste local social, que supón un valor patrimonial por ter un marcado significado sociocultural na contorna, co fin de destinalo a un uso público que satisfaga as necesidades da veciñanza para mellorar a calidade de vida da poboación que reside nesa parroquia e contribuír a fixar poboación no núcleo de San Cibrao.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no marco das súas competencias e dentro das súas accións estratéxicas, vén apoiando, mediante axudas directas a través de convenios diversas actuacións en espazos cuxas características son de especial relevancia para o desenvolvemento rural que os fan merecedores de apoio económico.

Imaxes relacionadas