Nova

Compartir
José Luis Cabarcos, na presentación do acto de Certificación de Benestar Animal Ternera Gallega

A Xunta anima ás pequenas e medianas empresas do sector cárnico a presentar iniciativas que poidan optar a fondos europeos para facer fronte aos efectos da Covid-19

José Luis Cabarcos lembrou que a Convocatoria de Manifestación de interese de proxectos autonómicos permanece aberta deica o vindeiro 16 de abril, e que axudará a definir as liñas de actuación no rural galego

O director da Agacal confirmou que o Goberno galego porá en marcha a Estratexia da carne, para lograr darlle un pulo a este sector igual que xa se está conseguindo co lácteo e que tamén se fará co viño

A maiores, apuntou que o Consello da Xunta vén de aprobar hoxe que o Consello Regulador Carne de Vacún de Galicia recibirá 34.000 euros este ano, para cubrir os seus gastos de funcionamento

Tamén se referiu ás axudas concedidas a 4.621 produtores de gando vacún por preto de sete millóns de euros, sendo os principais beneficiarios das achegas directas aprobadas por Medio Rural para paliar as perdas pola covid-19
 

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2021.- O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, animou ás pequenas e medianas empresas do sector cárnico a presentar iniciativas que sexan susceptibles de optar a fondos europeos e facer fronte aos efectos da covid-19. Así o dixo na clausura do acto de presentación da Certificación de Benestar Animal Ternera Gallega, onde lembrou que a Convocatoria de Manifestación de interese de proxectos autonómicos permanece aberta deica o vindeiro 16 de abril, para identificar os interesados en participar nos proxectos tractores e transversais impulsados pola Consellería do Medio Rural ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia deseñado polo Goberno central.

O director da Agacal puxo en valor a nova certificación acadada polo Consello Regulador Carne de Vacún de Galicia, non só porque amosa o compromiso dos produtores co benestar animal senón tamén porque responde a unha crecente demanda tanto das cadeas distribuidoras como dos consumidores, ao tempo que se aliña coas estratexias marcadas pola Unión Europea ao abeiro da nova PAC. Así mesmo, congratulouse de que a IXP Ternera Gallega rematase o 2020 cun incremento tanto do número de tenreiros rexistrados como do volume de carne comercializada.

Nesa dirección, José Luis Cabarcos reafirmou o compromiso da Xunta con este sector e coa súa consolidación no mercado mediante a futura Estratexia da carne, que buscará reforzar unha cadea produtiva que se revela como imprescindible para o rural da nosa comunidade, ao igual que se está conseguindo coa xa implementada Estratexia do sector lácteo galego e que se fará tamén coa do viño.

Axudas directas

Na súa intervención, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria apuntou que o Consello da Xunta vén de aprobar hoxe a concesión de subvencións aos consellos reguladores das denominacións de calidade galegas para financiar os seus gastos de funcionamento, por un importe total de 600.000 euros. Dentro desta partida, sinalou que o Consello Regulador Carne de Vacún de Galicia é, precisamente, un dos principais beneficiados. Así, esta entidade que ampara as indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego recibirá 34.000 euros este ano para facer fronte aos seus custos de persoal ou aos seus gastos correntes e de servizos.

A maiores, José Luis Cabarcos lembrou as axudas directas outorgadas ao sector vacún para facer fronte aos efectos da covid-19, sinalando que foron este grupo de produtores os principais beneficiarios das subvencións aprobadas pola Consellería do Medio Rural para este fin. En concreto, un total de 4.621 gandeiros recibiron preto de sete millóns de euros para sufragar parte das perdas ocasionadas pola emerxencia sanitaria.

Cabe sinalar que a selección dos sectores máis afectados -vacún de carne e o sector da planta ornamental e flor cortada, que tamén recibiron axudas- fíxose de xeito consensuado cos integrantes do Consello Agrario, no que están representadas as organizacións profesionais agrarias. As axudas directas foron cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Galería

A Xunta anima ás pequenas e medianas empresas do sector cárnico a presentar iniciativas que poidan optar a fondos europeos para facer fronte aos efectos da Covid-19
A Xunta anima ás pequenas e medianas empresas do sector cárnico a presentar iniciativas que poidan optar a fondos europeos para facer fronte aos efectos da Covid-19